Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Exfitui 2009 estará dedicada ao V Centenario das Clarisas e terá lugar do 9 ao 12 de outubro

16/09/2009

EXFITUI 2009 estará dedicada ao V Centenario do Mosteiro das Clarisas

Terá lugar do 9 ao 12 de outubro na Área Panorámica

 

Luns, 14 de setembro de 2009. A Área Panorámica de Tui vai acoller do 9 ao 12 de outubro a Exposición Filatélica EXFITUI 2009 dedicada ao V Centenario do Mosteiro das Irmáns Clarisas. Na mesma vanse dar cita un bo número de importantes coleccionistas galegos, onde os de Tui terán especial presenza, chegarán tamén Santiago, Ourense, Pontevedra, A Coruña e o Rosal.

 

A EXFITUI foi presentada esta mañá na Casa do Concello pola directiva do grupo Filatélico e Numismático Tudense acompañada polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez explicaba que a presentación desta actividade busca a súa posta en valor sobre todo neste ano dedicada ao V Centenario do Mosteiro das Irmás Clarisas, a quen lembraba que xa o Concello concedeu a súa máxima distinción.  Quixo amosar a súa felicitación ao Grupo Filatélico polo seu traballo e a Juan Ramón Aparicio autor do cartel pola súa creación.

 

Juan David Fernández, Comisario Xeral da mostra, apuntou que este ano a exposición filatélica "vaise arroupar con outras actividades relativas á igrexa e ás monxas". E fixo fincapé na "exportación do nome de Tui" que supón a exposición filatélica xa o mataselos conmemorativo non será empregado so en Tui senón tamén na Central de Correos en Madrid. Mentres Carlos Pérez-Fonterosa, voga da directiva, apuntaba que os filatelistas participantes este ano serán todos galegos xa que houbo que restrinxir a presenza de colección. Avanzaron tamén que para a clausura, o 12 de outubro, estará en Tui o Ministro Xeral da Orde Franciscana, José Rodríguez Carballo.

 

Por último o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, felicitou ao grupo filatélico pola súa "idea excepcional" nesta mostra que fará transcender o V Centenario do Mosteiro das Clarisas.

 

O Grupo Filatélico e Numismático de Tui está próximo a cumprir 50 anos, polo que é a Asociación Cultural máis antiga de Tui. O grupo está presidido por José Manuel González Troncoso, sendo o vicepresidente Xabier Añoveros Trias de Bes. A secretaria é Mª Pilar Saracho Urtiaga, e o tesoreiro Ernesto Iglesias Almeida. Ocupan os cargos de vogais José Martínez Clotet, Jose Luía Campos, Vicente López Castiñeira e Carlos Pérez-Fonterosa Antón.