Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Executadas obras de mantemento na Escola Infantil Galiña Azul

25/10/2023

As instalacións da Escola Infantil Galiña Azul  foron obxecto de obras de mantemento no inicio do curso escolar, para que alumnado, profesorado e familias poidan empregar estas instalacións nas mellores condicións.

O Concello de Tui, a través da concellería de Servizos Sociais, e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, teñen executado obras diversas de mantemento na Escola Infantil Galiña Azul dando cumprimento ás actuacións previstas para a anualidade de 2023. 

As obras realizadas consistiron por unha parte na apertura de gabias e colocación de canles e reixas con saída de augas pluviais, co que se mellora o sistema de drenaxe e se evitan posibles acumulacións de auga. Por outra parte acondicionouse o céspede e a zona de protección no xardín. Tamén se procedeu á colocación de zócalo na entrada e ao selado e acondicionamento dos lucernarios do teito. Tamén se procedeu á instalación na cociña dun sistema de aire acondicionado con bomba de calor, e dun extractor temporizado con alumeado na lavandería.  

O investimento preciso para executar estas obras foi asumido polo Consorcio de Benestar, deducindo do importe do  canon anual que paga o Concello. 

Por outra parte o Concello, con fondos propios, levou a cabo o mantemento e pintado do exterior do edificio, limpando as fachadas e saneando as partes afectadas por humidades, coma teitos e  paredes, e aplicando dúas más de pintura plástica.