Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurociudade Tui-Valença contará cunha estratexia con horizonte 2030

28/01/2022

Até o 7 de febreiro está activa unha enquisa cidadá para que os residentes en ambos municipios poidan contribuír ao seu deseño

O Concello de Tui, en colaboración coa Cámara Municipal de Valença, lidera os traballos para o deseño da "Estratexia e Plan de acción 2030" para a Eurocidade Tui-Valença. A iniciativa englóbase no marco do proxecto europeo UNICIDADE que busca afianzar os procesos de cooperación entre axentes das administracións públicas de ambos os municipios. Este proxecto foi aprobado con cargo ao programa de cooperación Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 e é cofinanciado nun 75% por fondos europeos. Así, co deseño desta estratexia búscase organizar, integrar e coordinar as dinámicas de cooperación existentes no territorio, identificando medidas concretas e instrumentos innovadores para a articulación e o desenvolvemento do espazo fronteirizo e que, ao mesmo tempo, constitúan un elemento de fortalecemento e de afirmación identitaria para a Eurocidade.

A elaboración da estratexia partirá dun importante proceso participativo para dar voz aos axentes do territorio. Por unha banda, crearase un grupo de traballo que reflicta de maneira representativa a ambos os municipios e os seus actores, dando cabida ás respectivas administracións, aos distintos sectores económicos e aos principais colectivos sociais. De xeito complementario, realizaranse tamén mesas temáticas e entrevistas individuais cos devanditos actores.

Por outra banda, ponse a disposición da poboación unha enquisa cidadá, até o  luns 7 de febreiro, para coñecer as súas opinións, suxestións e comentarios. Esta enquisa realizarase de maneira presencial en puntos crave de ambos os municipios, e tamén estará dispoñible para ser cumprimentada en formato dixital a través dos apartados de Eurocidade que se atopan en nas webs municipais (www.tui.gal e www.cm-valenca.pt) e nas súas redes sociais.  

Espérase, pois, que a través do diagnóstico do territorio por 6 áreas temáticas - urbanismo, gobernanza transfronteiriza e xestión conxunta de servizos básicos, desenvolvemento económico e innovación territorial, medio ambiente e enerxía, reto demográfico e benestar social, e dixitalización - poida definirse a visión, liñas de actuación, medios de financiamento e mecanismos de seguimento/avaliación da Estratexia Eurocidade 2030. Unha estratexia que, en definitiva, permitirá pór o foco nos desafíos aos que se enfrontan ambos os municipios -especialmente tras a crise do COVID-19- para deseñar de xeito participado accións que fortalezan a cooperación fronteiriza e permitan o desenvolvemento socioeconómico de Tui e Valença.

A publicación de resultados do proxecto, prevista para marzo deste ano, realizarase nos apartados de Eurocidade de cada web municipal. Así mesmo, celebraranse dous actos públicos - un en cada municipio - para dar difusión á Estratexia e Plan de Acción Eurocidade 2030.

Realizar enquisa