Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Eurocidade Tui-Valença presentouse en FITUR coma destino único e privilexiado en España

20/01/2016

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro convidou esta tarde en FITUR, a Feira Internacional de Turismo, en Madrid, a coñecer unha Eurocidade única en España. Coa súa intervención remataba a presentación da Eurocidade Tui-Valença baixo o titulo “Mil anos de historia”. Previamente interveu o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes. Gran expectación houbo ante este evento realizado no posto de Turgalicia e que contou coa presenza da directora xeral de Turismo, Nava Castro, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, amais do concelleiro de Turismo de Tui, Laureano Alonso e do vareador de Turismo de Valença, José Monte.

A proxección dun vídeo no que se amosou o patrimonio cultural, natural, deportivo, gastronómico,.. tanto de Tui coma de Valença con “séculos de memoria compartida” abriu esta presentación na que o Camiño de Santiago tivo tamén protagonismo ao ser a Valença o último punto en Portugal do Camiño Portugués e Tui a porta a entrada  a Galicia do mesmo. As pontes internacionais, rúas comúns da Eurocidade, a Fortaleza de Valença, o Parque Natural do Monte Aloia, a gastronomía resaltaron en imaxes ao longo de sete minutos de proxección a Tui e Valença coma un destino privilexiado.

A continuación interveu o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, pechando o acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, completando así os 25 minutos dos que dispuñan.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fixo unha valoración moi positiva desta presentación por ter a oportunidade dar a coñecer a marca de calidade da Eurocidade. Aproveitou para resaltar a riqueza patrimonial e natural das dúas cidade, facendo fincapé na diversidade de ocio ligada ao río Miño, a variedade da riqueza gastronómica e hostaleira.

A presenza en FITUR é a primeira cita coas feiras de turismo que ten a Eurocidade, xa que no mes de marzo acudirá, con posto propio, á BTL que se celebra en Lisboa.

Ver vídeo da Eurocidade Tui-Valença proxectado en FITUR