A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu 14º aniversario como exemplo de cooperación para Europa
A música foi un punto de encontro como símbolo de unión das dúas cidades nun concerto conmemorativo
A Eurocidade Tui-Valença celebrou o seu 14º aniversario cun concerto conmemorativo, onde a música puxo de manifesto a identidade cultural compartida. Un acto no que se reivindicaron os valores europeos que definen a esta Eurocidade, como a fraternidade entre os pobos e a aspiración a un mundo máis xusto e igualitario, “sen fronteiras”.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fixo balance destes 14 anos e incidiu nos “moitos séculos de historia e de identidade compartida entre Galicia e Portugal, e máis especificamente entre Tui e Valença”.
Destacou o rexedor tudense que esta relación é un “modelo de convivencia, de integración, de cooperación e de valores, exemplo en Europa e na Península Ibérica”.
Palabras que reafirmou o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, que reflexionou sobre o futuro, asegurando que “desenvolveremos máis proxectos, reforzaremos aínda máis esta cooperación cos nosos valores e elementos comúns”.
O concerto, protagonizado pola Academia de Música da Fortaleza de Valença e polo Conservatorio Profesional de Música de Tui, reflectiu o intercambio artístico e as relacións humanas que se viven a diario na Eurocidade.
Con músicos e músicas que estudan e ensaian cada día a ambos lados do río Miño, a identidade compartida quedou de manifesto con Trío de Fado, da Academia de Música da Fortaleza de Valença; o conxunto de gaitas do Conservatorio Profesional de Música de Tui; a Big Band do CMUS; e a Dúzia Camerata, de AMFV.
O Himno da Alegría, interpretado pola orquestra e o coro da Eurocidade, pechou o acto cunha mensaxe de unión e fraternidade, nun concerto que foi a expresión viva dun territorio sen fronteiras.





