Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu 14ª aniversario cun concerto conmemorativo

31/01/2026

O Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Academia de Música da Fortaleza de Valença interpretarán un repertorio intercultural

O Teatro Municipal de Tui acollerá o próximo sábado, 7 de febreiro, ás 20 h ES o concerto conmemorativo do 14º Aniversario da Eurocidade Tui-Valença.  A música, coma linguaxe universal e un dos símbolos de unión da das dúas cidades, será un punto de encontro. 

O Concerto, protagonizado pola Academia de Música da Fortaleza de Valença e polo Conservatorio Profesional de Música de Tui, reflectirá o intercambio artístico e as relacións humanas que se viven a diario na Eurocidade.  Sobre o escenario estarán músicos que estudan, ensaian, e crecen xuntos, independentemente do lado do río Miño onde estean. 

A identidade cultural compartida queda de manifesto nun programa intercultural que presenta ao público unha viaxe polos sons do fado, da gaita, e de distintas agrupacións con músicas para todos os gustos. No remate do espectáculo os músicos interpretarán conxuntamente o Himno da Alegría, que será cantado polos coros da Academia e do Conservatorio en portugués e galego, ofrecendo unha mensaxe de unión, fraternidade e valores europeos que definen a Eurocidade Tui-Valença.

O evento contará coa intervención institucional do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, reafirmando unha cooperación sólida, construída con visión, proximidade e confianza mutua. 

O concerto non é so unha conmemoración senón que é a expresión viva dun territorio sen fronteiras.

O Concerto Conmemorativo do 14ª Aniversario da Eurocidade contará con entrada libre até completar o aforo no Teatro Municipal.