Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença acollerá a 20ª edición da iniciativa “As prazas de Europa”

28/03/2025

Será o próximo martes 8 de abril no Paseo da Corredoira en Tui 

A Eurocidade Tui- Valença acollerá o próximo martes 8 de abril a 20ª edición da iniciativa “As prazas de Europa”, impulsada pola Comisión Europea, en colaboración co Concello de Tui, a Cámara de Valença e Galicia Suroeste.  Esta actividade terá lugar no Paseo da Corredoira en horario de 18 a 20 h, ou en caso de choiva no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela.

A través do diálogo con representantes institucionais, “As Prazas de Europa” trata de por en valor a importancia dos pequenos municipios rurais na promoción dos valores europeos, explicando como a Unión impulsa proxectos de desenvolvemento local, á vez que dá voz á cidadanía para compartir as súas propostas sobre o futuro de Europa, empregando as prazas das vilas e cidades como un punto de encontro onde a cidadanía poda dialogar cara a cara con representantes europeos e autoridades locais e rexionais. 

Este encontro, cuxa celebración coincidirá co 40º aniversario da firma do Tratado de Adhesión de España e Portugal á Comunidade Económica Europea, centrarase en como a Unión Europea e o desenvolvemento interrexional melloraron as vidas da cidadanía transfronteriza de Tui e Valença, a través dun diálogo cidadán no que persoas de ambos países compartirán a súa visión e propostas sobre o futuro de Europa. Incluirá tamén actividades lúdicas e gastronómicas de temática europea. 

O acto contará coa participación dos mandatarios da Eurocidade, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira. Así coma tamén do director da representación da Comisión Europea en España, Lucas González, da directora da representación da Comisión Europea en Portugal, Sofía Moreira, e da directora da Axencia Europea de Control de Pesca, Susan Steele.

Entre outras actividades, a xornada aproveitará para dar a coñecer á cidadanía de ambos lados da raia como se están a empregar os fondos europeos, presentando unha mostra de proxectos que se están a desenvolver de cooperación e posta en valor da riqueza transfronteiriza, dispondo así mesmo dun espazo de dialogo cidadán cos representantes institucionais, no que persoas de ambos países e de distintas xeracións exporán a súa experiencia e visión sobre os 40 anos de España e Portugal na Unión Europea, e rematará cun euroaperitivo elaborado con produtos  locais. 
A primeira parte da xornada centrarase na importancia da Unión Europea para a cidadanía transfronteiriza e no desenvolvemento interrexional con apoio europeo. Exporanse proxectos que melloran a calidade de vida na "raia", como o traballo do Grupo de Acción Local Eu Rural, a marca Río Miño e o proxecto EUTERPE_ADN, que emprega a música como ferramenta social para persoas maiores.

Un dos momentos clave do evento será o Diálogo Cidadá sobre "Os 40 anos da UE na Raia", onde persoas maiores e mocidade de ambas beiras do Miño compartirán as súas experiencias e perspectivas sobre o pasado, presente e futuro da UE. Ademais, Lucas González, director da representación da Comisión Europea en España, e Sofía Moreira, da directora da representación da Comisión Europea en Portugal, participarán nunha conversa aberta co público.

Para rematar, na praza da Inmaculada, as persoas asistentes poderán desfrutar dun Euroaperitivo, no que se presentarán produtos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP) da rexión.

O Concello de Tui e a Cámara de Valença convidan á cidadanía a participar neste encontro, que subliña a importancia da cooperación europea para o desenvolvemento local e a construción dunha Europa máis próxima ás persoas.

Inscrición