Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença acolle en setembro o MUMI 2021, Músicas no Minho 2021

5/05/2021

Os rexedores de ambos municipios participaron hoxe na cidade portuguesa na presentación do encontro musical que terá lugar do 9 ao 11 de setembro

Hoxe mércores presentabase no Arquivo municipal de Valença o MUMI 2021, o encontro profesional das  músicas do Minho, que se celebrará do 9 ao 11 de setembro. O facían o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, o presidente da Cámara municipal de Valença, Manuel Rodrigues Lopez, e representando á organización do MUMI, César Cardoso e Manuel Vicente Roxo.

“Non temos dúbida de que o MUMI vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, subliñou Enrique Cabaleiro. O encontro do sector musical, que terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui en 2021 e xa ten o compromiso e interese de ambos municipios para 2022. A presentación de hoxe foi tamén unha celebración da apertura da fronteira terrestre entre Galicia e Portugal tras catro meses de peche.

César Cardoso e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, remarcaron o carácter de punto de encontro que terá o MUMI despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia. “O MUMI pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses”, sinalou Roxo. A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os dias 9, 10 e 11 de setembro. “No MUMI sabemos da importancia da proxección pública, de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta concertos nas dúas edicións nun territorio único como é a Eurocidade”, apunta Roxo.

Na rolda de prensa, na que tamén estivo presente Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Cultura no concello de Tui, o alcalde de Tui fixo fincapé na magnitude e singularidade dun territorio como o que conforman Tui e Valença. Pola súa banda, Manuel Rodrigues Lopes, presidente da Cámara Municipal de Valença, realizou un discurso cheo de afectividade e entusiamo por proxectos conxuntos como o MUMI. “Alabo a coraxe o equipo organizador, falamos de dúas cidades interligadas que precisan de horizontes comúns. Durante estes catro meses, Valença botou moito en falta a alegría dos galegos e estou convencido de que Tui non era o mesmo sen a presenza da veciñanza do norte de Portugal. O MUMI 2021 é un embrión de todo o que pode vir nun futuro próximo”, afirmou.

Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita en setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos concellos, que aportan 15.000 euros cada un deles. Ademais do impacto económico que terá na contorna, desde a organización remarcan o impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apunta  o organizador Manuel Vicente Roxo.