Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A eurocidade recibiu onte o premio do deporte galego 2012

22/03/2013

Na categoría Galicia saudable no decurso da Gala do Deporte celebrada en Lugo

 

Venres, 22 de marzo de 2013. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presidiu onte á tarde na cidade de Lugo a Gala de entrega dos Premios do Deporte Galego correspondentes ao ano 2012.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o presidente da Cámara Municipal  de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, recolleron o premio outorgado á Eurocidade Tui – Valença na categoría de “Galicia saudable” en recoñecemento ao labor de promoción do deporte e dunha vida saudable que realizan a Eurocidade coas numerosas iniciativas deportivas que promove.

 

Este recoñecemento valoriza o carácter pioneiro da cooperación transfronteiriza, desenvolvida polas cidades de Valença e Tui, co obxectivo de mellorar a saúde dos seus cidadáns,  a través da promoción da práctica da actividade física.

 

A Eurocidade desenvolveu, ao longo de 2012,  8 programas específicos para a promoción da práctica da actividade física e deportiva. En concreto, o circuíto de andainas saudables Eurocidade 2012 (con catorce andainas ao longo do ano), 1º torneo de fútbol 7, trofeo de pesca deportiva, Eurocidade BTT, Eurocidade 10, trofeo de balonmán, 2ª travesía a nado Eurocidade e o trofeo de natación de Nadal. Mais de catro mil participantes testemuñan o éxito destes programas de actividades.

 

Deportistas como Tamara Echegoyen, Sofía Toro, María Victoria Alonso Vilariño, David Cal, Sebastián ‘Chano’ Rodríguez, Suso Morlán, Carlos Cortés e Ana Peleteiro. Igualmente, equipos como o CRAT A Coruña, o Club Deportivo Lugo, a selección de tenis en cadeira de rodas, e o Club de Hockey Barrocás foron galardoados neste acto.

 

Tamén destacou o presidente da Xunta o traballo colectivo de institucións como o Centro Público Integrado Doctor López Suárez de Friol, a Volta Ciclista a España ou a Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional. O labor informativo de xornais como o Faro de Vigo, ou patrocinadores como Mecalia Energy Systems. E, finalmente, mencionou, ademais, os “respaldos institucionais” de organismos como o Concello de Vilalba, o Concello de Tui ou a Cámara Municipal de Valença. “Galicia ten en todas estas persoas, equipos e institucións, un espello onde mirarse. Galicia é máis grande grazas a eles” rematou o Presidente Núñez Feijoo.