Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Ethéria, a viaxe soñada”, a última produción do CCG chega a Tui

21/10/2010

A representación será o sábado ás 20.30h no Teatro Municipal
“Ethéria, a viaxe soñada”, a última produción do CCG chega a Tui
Na cidade péchase a primeira parte da xira deste espectáculo que comezou en xullo

Xoves, 21 de outubro de 2010. O Centro Coreográfico Galego pecha este sábado en Tui a primeira parte da xira da súa última montaxe “Etheria, a viaxe soñada” baixo a dirección de Mercedes Suárez. O espectáculo volverá aos teatros o próximo mes de xaneiro. En Tui a cita será no Teatro Municipal de Tui este sábado ás 20.30h. As entradas teñen un prezo de 6€ e 4€ e pódense adquirir na web www.culturatui.info ou o sábado dende ás 19h no despacho de billetes da Área Panorámica.

“Etheria, a viaxe soñada” é a cuarta produción do Centro Coreográfico Galegona que presenta unha particular e accesible visión do mundo das peregrinacións, ao tempo que brinda a súa proposta a un ano Xacobeo que inspira todo tipo de manifestacións culturais.

Etheria, a viaxe soñada, da directora e coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez, relata o regreso a Galicia dunha figura histórica galega, Etheria, despois dunha longa peregrinación que nos séculos IV ou V d.C. a levou a Xerusalén a través de Europa Meridional e Oriente Próximo.

Seguindo a estética dos relatos de grandes viaxes na historia da humanidade e da mitoloxía, non pasan desapercibidas as alusións a Ulises coa odisea de Etheria no seu regreso a Galicia que é representada cun acompañamento musical que marca o ritmo de cada escena e do seu relato; e cun tratamento estético que afonda nas inquietudes vitais dos personaxes protagonistas e no propio acto da peregrinación. Xunto á propia peregrina comparten protagonismo na historia Prisciliano e un Sátiro. En total o corpo de baile está formado por 12 bailaríns e bailarinas.

Este é un espectáculo accesible para todos os públicos no que se da vida a posible viaxe de Etheria dende Xerusalén ata Compostela evocando sentimentos e sensacións en cada un dos lugares por onde transcorre.

 

Centro Coreográfico Galego con “Etheria, a viaxe soñada”
Lugar: Teatro Municipal
Data e hora: Sábado, 23 de outubro ás 20.30h
Entradas: 6€ - 4€
Venda de localidades: en www.culturatui.info ou o sábado dende ás 19h no despacho de billetes da Área Panorámica

www.centrocoreografico.org