Este venres preséntase o libro “Sobredo 1922” de Xosé Ramón Paz Antón
Esta actividade forma parte da programación “Tui en Letras”
Este venres, 23 de maio, ás 20 h a Biblioteca Municipal de Tui acolle a presentación do libro “Sobredo 1922” de Xosé Ramón Paz Antón. No acto participarán o propio autor, o historiador e profesor, Bieito Alonso, que elaborou o prólogo desta obra e o concelleiro de Cultura de Salceda, Alex Rodríguez Canosa, como promotor desta publicación.
Esta actividade forma parte da programación “Tui en letras” que se desenvolve este mes de maio e o de xuño.
Xosé Ramón Paz Antón realiza nesta obra unha achega documentada aos acontecementos do 28 de novembro de 1922 en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei. Naquela xornada, por disparos da Garda Civil, perderon a vida a labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ambos os dous do municipio de Salceda de Caselas. Unha ducia de persoas resultaron lesionadas ben por feridas de bala ou contusións diversas, cando participaban nunha concentración agrarista solidarizándose cun veciño da localidade que non pagou rendas de foro e opóndose ao embargo xudicial de bens por ese impago.
Este acontecemento desgraciado tiveron unha grande repercusión social e política e ficaron como un dos fitos referenciais da loita agraria que axitou a Galicia nas primeiras décadas do século XX e acelerou o debate político para rematar co sistema foral, que se lograría finalmente no ano 1926.
Xosé Ramón Paz Antón, músico, pintor natural do Porriño, ten realizado numerosos traballos de investigación sobre as actividades dos emigrantes, o movemento obreiro e a represión franquista na nosa contorna. Está acompañado por Bieito Alonso, historiador que
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, indica que promover a investigación, documentación e difusión dos sucesos de Sobredo resulta unha obriga para o Concello de Tui comprometido na lembranza daqueles tráxicos acontecementos que marcaron o devir da historia contemporánea de Galicia e que forman parte da memoria colectiva do noso concello.