Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este venres inaugúrase o Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira

30/11/2021

Celebrarase até o domingo 12 de decembro con 20 postos de artesanía, gastronomía, decoración de Nadal

A maxia do Nadal chega a partir deste venres ao Paseo da Corredoira de Tui co Mercado de Nadal organizado polo Concello de Tui.

A inauguración está prevista ás 18.30 h coincidindo co acendido da iluminación de Nadal, con animación de rúa.

Esta mañá comezou xa no Paseo da Corredoira a montaxe das casetas de madeiras onde se ubicarán dende este venres e até o domingo 12 de decembro os postos participantes que contarán cunha decoración propia do Nadal.  A meirande parte dos expositores son de Tui, participando tamén outros doutros municipios da provincia de Pontevedra e da Coruña. Ofrecerán produtos de alimentación gourmet, xunto a elaboracións artesanais de xoiería, madeira, téxtil, coiro, xoguetes, … e non faltarán os elementos de decoración para estas datas.  

O Mercado de Nadal ten tamén o seu espazo solidario coa participación das organizacións sen ánimo de lucro como a Cooperativa Escolar do CEIP nº1, a Protectora de animais Aloia, o Club de patinaxe RIBEX, o Voluntariado da Caridade de Tui e a Asociación Vontade.

O Mercado desenvolverase baixo estritas medidas de seguridade contra a covid-19. Os expositores portarán máscara en todo momento, disporán de xel hidroalcohólico para o público visitante e deberán hixienizar de xeito regular as superficies de contacto co público, ademais de manter estritamente as distancias de seguridade.

O mercado abrirá cada xornada de 11 a 14 h e de 17 a 21h entre o 3 e o 12 de decembro.