Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este venres ás 17 h comezará a Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade Tui-Valença

3/01/2024

Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados por unha comitiva de 200 persoas, e repartirán 1.500 quilos de caramelos sen glute

Melchor, Gaspar e Baltasar volverán a percorrer este venres, 5 de xaneiro, ás rúas da Eurocidade Tui-Valença. As súas Maxestades de Oriente chegarán ás 16 h até a Estación de Valença, onde serán recibidos polas autoridades locais.  Ás 17 h nas súas magníficas carrozas coidadosamente decoradas e iluminadas iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros. Coma veñen facendo dende 2010 os Reis Magos protagonizarán a única cabalgata internacional que se realiza entre España e Portugal.

Abrirá a comitiva real a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e participarán tamén as charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo. Amais das carrozas reais tamén estarán presentes na cabalgata as carrozas realizadas polas asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe. En total serán máis de 200 persoas as que acompañen a Melchor Gaspar e Baltasar neste percorrido internacional no que repartirán ilusión, maxia e 1.500 quilos de caramelos sen glute.

Os Reis Magos irán dende a Estação de Comboios de Valença, pasando polas avenidas do Colégio Português e Miguel Dantas, a rotonda da Trapicheira e a avenida de Espanha. Punto destacado no seu percorrido será o paso pola vella Ponte Internacional, para continuar xa en Tui pola avenida de Portugal, as rúas  Martínez Padín e Augusto González Besada, até a carpa do Paseo da Corredoira, onde está prevista a súa chegada ás 19 h. Tras saudar a todas as persoas que alí se atopen Melchor, Gaspar e Baltasar, recibirán a todos os nenos e nenas que desexen achegarse a compartir con eles uns minutos.

Colaboran neste evento a Garda Nacional Republicana, os Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença, Protección Civil de Tui, Policía Local de Tui, o grupo Scouts Aloia, e a Radio Municipal de Tui.

Os Reis Magos estarán xa o xoves na Eurocidade Tui-Valença visitando as persoas usuarias das residencias Paz e Ben, San Temo e do centro de día Amoralia, e da Santa Casa da Misericordia, Cruz Vermelha de Centro de Día de Valença.