Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este venres, 1 de decembro, abre a inscrición para a II San Silvestre de Tui

29/11/2023

Celebrarase o domingo 31 de decembro en beneficio da Asociación Española contra o Cancro

Este venres, 1 de decembro, abrirá o prazo de inscrición para participar na II San Silvestre Tudense, que se celebrará o día 31 de decembro, a partir das 10.30 horas, dende o Paseo da Corredoira. Este evento está organizado polo Concello de Tui e o Club Atletismo Tui, en colaboración coa Policía Local de Tui, Protección Civil de Tui, Radio Municipal de Tui e varias empresas tudenses. Agárdase un novo éxito de participación superando a cifra de 500 persoas que a edición pasada realizaron a San Silvestre.

As inscricións realizaranse de xeito gratuíto a través da web do Club Atletismo Tui, www.clubatletismotui.wordpress.com, ata o día 28 de decembro. Ao igual que na primeira edición esta actividade será en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), polo que se solicita unha doazón voluntaria a través do número de conta da AECC, ES50 2100 2188 8302 0022 3608, indicando no concepto “DONATIVO SAN SILVESTRE TUI – nome completo”, ou no día da carreira, nos petos que estarán nas mesas na recollida de dorsais.

Os dorsais e a camiseta de recordo, entregaranse o mesmo día da carreira, dende ás 09.00 horas, ao carón do edificio da Policía Local de Tui, na praza da Inmaculada.

A San Silvestre Tudense terá un percorrido urbano, de preto de catro quilómetros, e apto para todas as persoas. Estará controlado polas persoas voluntarias do Club Atletismo Tui, Protección Civil de Tui e Policía Local de Tui.

Ao remate da carreira, haberá chocolatada e rosca para todas as persoas participantes, así como uvas para tomar coas badaladas das doce do mediodía.

II San Silvestre. Correr e Andar. Tui 2023 - Regulamento