Este sábado xogo de escapismo ao aire libre para descubrir “A Comunidade Xudía de Tui”
Están xa abertas as inscricións para esta actividade que forma parte da programación do Setembro Xudeu en Tui
A cidade de Tui será o escenario dun xogo de escapismo sobre “A comunidade xudía de Tui” que terá lugar este sábado, 28 de setembro. Comezará ás 18 h inicio diante da Oficina Municipal de Turismo no céntrico Paseo da Corredoira. Esta actividade forma parte da programación do “Setembro xudeu en Tui”.
Será unha emocionante aventura polas rúas do centro histórico da cidade coa que todas e todos os participantes poderán coñecer o pasado xudeu e as curiosidades da comunidade xudía que viviu en Tui durante o século XI. As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos e avanzar o seu percorrido por distintos puntos claves de Tui, o segundo conxunto histórico máis importante e grande de Galicia, con máis de 2.000 anos de antigüidade. Códigos numéricos, labirintos, anagramas... todo valerá para afondar na cultura e na historia xudía entre os muros e edificios da cidade.
Para adaptarse a todos os públicos e facilitar a participación de público familiar, o escape room sairá ás 18 horas da Oficina Municipal de Turismo. Trátase dun percorrido circular con dificultade moderada e accesible para persoas con mobilidade reducida, aínda que a ruta conta con costas pronunciadas. Recoméndase levar o teléfono móbil con batería suficiente e conexión a internet para poder realizar as probas, así como papel e lapis para usar en caso de necesitalo para a resolución dos retos.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse a través do formulario disponible en tui.gal e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Os e as menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, convida a todas as persoas a inscribirse “e formar parte desta experiencia única que nos levará a explorar o pasado e desvelar os segredos que resaltan a rica herdanza xudía na nosa cidade. Para nós é un verdadeiro orgullo que a nosa historia forme parte dunha iniciativa que permita coñecer dun xeito dinámico, interactivo e distinto o importante legado xudeu que atesoura Tui”.