Este sábado visita nocturna ao patrimonio xudeu de Tui
O patrimonio xudeu de Tui será protagonista na visita nocturna que este sábado ás 21.30 h se celebra dende a Oficina Municipal de Turismo. Esta actividade forma parte do programa do Setembro Xudeu que organiza o Concello, dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía. A participación é aberta, sen necesidade de inscrición previa.
Nesta visita as persoas participantes percorrerán diversos lugares do conxunto histórico de Tui relacionados coa presenza das comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade, recuperando os lugares de memoria vinculados coas testemuñas conservadas. Un legado documental que ilustra a historia destes colectivos ao longo de varios séculos.
Ao remate do percorrido haberá unha degustación especial de viño kosher, o viño que se produce seguindo estritamente as leis xudías de alimentación e pureza. Entre elas, só xudeus observantes poden manipular o mosto e o viño, e todo o proceso conta co control dun rabino ou dun supervisor autorizado.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, anima á veciñanza e visitantes a participar nesta actividade, que nos achega á historia da nosa cidade. Lembra amais que Tui é a única localidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).





