Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado terá lugar a entrega da medalla de ouro do Concello ao D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo

7/12/2022

Será ás 13 h no salón de plenos da casa do concello

Este sábado, 10 de decembro, ás 13.00 h no salón de plenos da casa do concello de Tui terá lugar a entrega da medalla de ouro da cidade a D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo. O Pleno da Corporación Municipal de Tui acordou na súa sesión do pasado 28 de xullo conceder a medalla de ouro da cidade, que será entregada este sábado.

O acordo plenario, sinala o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recolle como ao longo dos doce anos de episcopado, dende 2010, Monseñor Quinteiro mantivo sempre unha especial relación coa nosa cidade, onde está a súa sede ou cátedra na Catedral de Santa María, dedicándolle a este templo unha preferencial atención para potenciar o seu papel como principal igrexa da diocese, promovendo o culto e actividades no seu recinto.

Nestes anos do seu episcopado, testemuñando a súa constante preocupación pola conservación da Catedral tudense se veñen acometendo importantes obras de restauración e conservación en colaboración con diversas administracións e institucións - cabe subliñar as obras no edificio da Contaduría, na fachada norte da Catedral, na Torre de San Andrés, nas cubertas pétreas, etc.-, a organización da visita turística e a dixitalización de fondos do Arquivo Municipal, así como o desenvolvemento do Plan Director da Catedral de Tui dirixido polo arquitecto Iago Seara.

Unha atención que culmina coas súas xestións para o importante investimento que nestes vindeiros anos recibirá a Catedral tudense a través do Plan de Catedrais da Xunta de Galicia, e especialmente  coas obras no Pazo episcopal para acoller as novas instalacións do Museo Diocesano e Catedralicio financiadas ao abeiro do programa do 1,5% Cultural do Goberno de España.

Tamén ten colaborado de forma ampla co Concello de Tui en moi diversos asuntos, sempre de forma construtiva para o interese común así como participando en numerosas actividades promovidas tanto polo Concello tudense como polo entramado asociativo deste municipio.

Para o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro González, a concesión desta distinción resulta un acto de xustiza polo excepcional labor desenvolvido por D. Luis Quinteiro ao longo do seu episcopado onde xunto ao numerosos logros alcanzados na conservación e potenciación da Catedral tudense mantivo sempre unha aberta colaboración con numerosas iniciativas públicas e de todo tipo relacionadas coa nosa cidade testemuñando a súa alta condición.