Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado primeiro dos concertos do Festival Via Stellae en Tui: o arpista Manuel Vilas co "Manuscrito Gurerra"

1/07/2009

É o primeiro dos dous concertos do IV Festival Via Stellae en Tui

O arpista compostelán Manuel Vilas presenta a segunda entrega da súa recuperación do Manuscrito Guerra

Está a ser gravado pola multinacional discográfica Naxos

 

Mércores, 1 de xullo.  Tui, coma porta de entrada do Camiño Portugués en Galicia, volve acoller este ano dous concertos destacados do Festival Via Stellae. Desenvolveranse este sábado día 4 e o sábado día 11 no privilexiado marco da Igrexa de Santo Domino.

 

Este sábado ás 21h actuará o tenor sevillano Juan Sancho e o grupo Ars Atlántica que dirixe o arpista compostelán Manuel Vilas, fundador desta agrupación que actuou por primeira vez en público o ano pasado no Festival Via Stellae. No concerto van presentar a segunda entrega da recuperación que Manuel Vilas está a facer do Manuscrito Guerra: colección de tonos humanos que se conserva na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago e que a prestixiosa multinacional Naxos comezará a publicar proximamente en colaboración co Via Stellae.

 

O singular documento chamado "Manuscrito Guerra" consiste nunha colección de tonos humanos da segunda metade do século XVII. A súa importancia radica sobre todo en que é unha fonte de gran valor para o coñecemento da música vogal profana para solista do barroco español. É unha antoloxía de cen tonos humanos, todos escritos para unha voz solista, excepto dous que precisan dous cantantes. Malía que non ten ningunha indicación de autor e tampouco aparece ningunha data, a metade atópanse tamén noutras fontes, o que permite identificar algúns dos compositores, entre os que os máis representados na antoloxía compostelá son Juan Hidalgo (arpista da Capela Real e principal pioneiro da música teatral do Barroco español) e José Marín (guitarrista, tenor e compositor ademáis de sacerdote, o que non lle impediu ser acusado de asalto, roubo e asasinato polo que foi encarcerado e condenado ao desterro e a galeras). Moitas das obras son anónimas. O nome do manuscrito é debido a que na portada figura o nome de José Miguel Guerra, o que foi copista do mesmo.

 

A palabra Tono designaba un tipo de canción con acompañamento instrumental de baixo continuo; podía ser para varias voces, pero na época do Manuscrito Guerra predominaba o destinado a un único cantante. Humano quería significar "profano", para distinguilo do de temática sacra. Os tonos humanos podían interpretarse en moi variadas circunstancias, especialmente como peza illada de entretemento (máis ou menos privado), como parte dunha comedia teatral ou incluso formando parte dunha ópera ou dunha zarzuela. A temática predominante era a amorosa, e o seu carácter ía dende o serio até o satírico, e podían ter un tono máis culto ou popular.

 

Este concerto supón o segundo capítulo da recuperación do Manuscrito Guerra da que é alma mater un músico galego, o arpista compostelán Manuel Vilas, músico que dende a primeira edición do Via Stellae é un dos piares da súa programación. No próximo ano a multinacional Naxos editará o primeiro dos seis compactos con tonos humanos do Manuscrito Guerra que está a gravar en colaboración co festival: o que na edición do 2007 do Via Stellae protagonizaron a soprano valenciá Isabel Monar e Manuel Vilas.

 

O grupo Ars Atlántica

A terceira edición do Via Stellae (a do 2008) viviu a presentación mundial de Ars Atlántica, grupo que naceu cunha vocación de flexibilidade na súa formación e nesta ocasión está formado polo propio Manuel Vilas (o seu director e fundador) e por Eligio Luis Quinteiro.

 

O tenor Juan Sáncho ponlle voz ao Manuscrito Guerra

A voz deste concerto, e do segundo compacto do Manuscrito Guerra que editará Naxos en colaboración co Via Stellae, é Juan Sancho. Este novo tenor sevillano realizou os seus estudos na especialidade de "canto histórico", pero o seu interese musical abrangue dende o barroco ao bel canto, o lied e a ópera. Cantou xa con directores da talla de William Christie, Gustav Leonhardt, Jordi Savall ou Fabio Biondi nalgúns dos festivais máis importantes de Europa, como Ambronay, Amberes, Bruxas, Friburgo e Aix en Provence e en salas e teatros de ópera internacionais do prestixio da Scala de Milán, Barbican Center de Londres, Lincoln Center de Nova York, Palais de Beaux Arts de Bruxelas, Alte Oper de Frankfurt, Cité de la Musique de París, Fundaçao Gulbelkian de Lisboa, Teatro Nacional de Praga, Teatro Malibran de Venecia, etc.

 

IV Festival Via Stellae

Data e hora:  Sábado 4 de xullo ás 21h

Lugar: Igrexa de Santo Domingo

 

O Manuscrito Guerra (volume 2)

 

JUAN SANCHO  tenor

ARS ATLÁNTICA

ELIGIO QUINTEIRO  guitarra

MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes e dirección

 

ENTRADA LIBRE  até completar o aforamento