Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado celébrase a II Xornada de Degustación de Boleardos

24/11/2022

Está organizada pola Asociación San Telmo coa colaboración do Concello de Tui. O público poderá saborear esta sobremesa e gozar das actuacións musicais previstas

Este sábado, 26 de novembro, ás 17 h, na praza de San Fernando, ou en caso de choiva no cárcere vello na rúa Sanz, celebrarase a II Xornada de Degustación de Boleardos. Está organizada pola Asociación Cultural, Deportiva, Recreativa e Xuvenil San Telmo de Tui, coa colaboración do Concello de Tui.

As persoas que se acheguen a esta actividade poderán degustar esta sobremesa tradicional de Tui da que a asociación San Telmo garda a receita coma ouro en pano tras recuperala grazas a colaboración de distintas persoas maiores de Tui que lles transmitiron os ingredientes e a elaboración no ano 2014. Precisamente entre as peculiaridades da receita está o uso da fariña de millo pego e de trigo callobre. No ano 2016 realizaron xa unha primeira degustación de boleardos, que volverán levar a cabo este sábado coa colaboración da panadería Xulio para elaborar preto de 300 unidades desta sobremesa. Tamén estarán á venda en bolsiñas de tres unidades.

Non faltará nesta xornada a música tradicional con diferentes actuacións. A primeira delas será a do grupo de baile e pandeireta infantil, Alfándega. Seguidamente, terá lugar a presentación do grupo da asociación Queixumes do Aloia. Finalmente, actuarán os Carrapucheiros e Ferriñas Bravas de O Fiadeiro.  Tamén se proxectará un vídeo elaborado pola asociación no que se recolle todo o proceso dende a plantación do millo até a elaboración dos boleardos.