Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este Domingo se celebran en Tui as Xornadas Europeas de Patrimonio cun percorrido pola senda Tui - Caldelas

28/09/2011

O vindeiro domingo, 2 de outubro, terá lugar na cidade de Tui unha nova actividade das Xornadas Europeas de Patrimonio, que veñen celebrando conxuntamente o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença. Ambos municipios que formalizaran axiña o seu acordo para se converter en “eurocidade” continúan neste ano esta celebración conxunta, nunha iniciativa pioneira que ten suscitado grande interese.

No caso tudense trátase dunha visita guiada pola senda peonil que une Tui con Caldelas polas ribeiras do río Miño que dará comezo na Ponte da Veiga ás 10,30 horas da mañá do vindeiro domingo. Ao longo dos percorrido poderán os participantes achegarse a diversos elementos patrimoniais: a ponte medieval da Veiga do Louro, os gravados rupestres de “As Ráns” en Paramos, o posto de carabineiros, a lagoa e a Torre Vella de Caldelas rematando cunha visita ao Balneario de Caldelas. A temática da Xornada Europea de Patrimonio neste ano 2011 en España é “Arqueoloxía e paisaxe” e nesta visita guiada pola senda á beira do Miño poderemos contemplar ambos elementos que conforman dous aspectos salientables do patrimonio cultural tudense.

Os participantes deste percorrido poderán comprobar o traballo realizado polo obradoiro de emprego “Ambiental Tui” na recuperación desta senda que forma parte do seu proxecto de creación dun roteiro de sendeirismo de 18 quilómetros polo municipio tudense.

A Concellería de Cultura tudense informa que o Concello de Tui ofrece aos asistentes a posibilidade de regresar en autobús dende Caldelas, para o que cómpre realizar unha reserva de praza a través do correo electrónico museo@concellotui.org ou personalmente na Biblioteca Municipal tudense. As previsións meteorolóxicas garanten unha climatoloxía moi favorable para a realización deste percorrido.

Dende o ano 1991 desenvólvese a celebración destas xornadas en 50 países do vello continente europeo. Estas Xornadas Europeas de Patrimonio foron ideadas en Granada en 1985 no decurso da 2ª Conferencia Europea de Ministros responsables do patrimonio cultural, tras a suxestión do Ministro de cultura francés que propuxo estender a experiencia de portas abertas nos monumentos que se celebraba en Francia anualmente. Dende aquela numerosos países se teñen sumado a esta iniciativa que en 1991 foi instituída oficialmente polo Consello de Europa e dende 1999 converteuse nunha acción conxunta coa Unión Europea.

O Concello de Tui celebra por quinto ano consecutivo esta iniciativa que tenta poñer en valor o patrimonio cultural da nosa cidade inxeríndoa nas iniciativas que ao respecto existen por Europa adiante. Cómpre subliñar que o Concello de Tui é a única institución en Galicia que participa nesta Xornada, que coordina en España o Ministerio de Cultura. O pasado venres 23 de setembro tivo lugar en Valença a outra actividade programa nestas Xornadas, unha visita aos vestixios medievais da fortaleza valenciana cunha grande éxito de participación.

 

Cartel (.jpg)