Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo celébrase o IV Mercado de Nadal “Chamada ao Nadal Solidario”

4/12/2015

A Praza de San Fernando, a Praza do Concello e a rúa Ordóñez acollen este domingo, 6 de decembro, de 11 a 21h o IV Mercado de Nadal baixo o lema “Chamada ao Nadal Solidario” organizado polo Concello de Tui coa colaboración de ACITUI, Somos Arte e +KArte. Esta actividade ten por obxectivo promocionar esta zona da cidade, así coma servir de punto de encontro para á exposición e venda de produtos de cara á época do Nadal. 

O comercio de Tui achegará os seus produtos relacionados co Nadal coma adornos ou posibles de agasallos. Mentres a hostalería ofertará distintas propostas gastronómicas. Tamén estarán presentes máis de cincuenta artesáns, dez deles tudenses, presentando as súas creacións en bixutería, cerámica, coiro, adornos de Nadal feitos en encaixe de bolillos...así coma queixos e cervexa artesá.

No claustro da Catedral poderá visitarse unha exposición de pintura e escultura do colectivo Somos Arte, e na Oficina de Turismo haberá unha tecedora traballando en directo. Ao longo do día celebraranse distintos obradoiros gratuítos para a confección de adornos de Nadal, sendo un deles impartido pola nena de dez anos María González Pérez.

A oferta complétase con danza aérea, cama elástica e actuacións dos grupos folclóricos San Xoán de Paramos ás 12h, Inquedanzas de Pazos de Reis ás 12h e O Mosteiro de Pexegueiro ás 17h. Amais na Catedral, ás 18h, celebrarase un concerto de corais coa participación das corais  San  Telmo, Centro  Sociocomunitario e  Ponte  das  Febres. Na parte musical tamén se contará coa presenza de alumnos do Conservatorio de Música Profesional de Tui

 

Os máis de setenta postos que haberá no mercado para participar deberán doar un mínimo  de 5€ en alimentos non perecedoiros, que xunto aos que se recollan ao longo do día, serán doados a SOS Tomiño-Baixo Miño.

Todos os que realicen as súas compras no Mercado de Nadal entrarán no sorteo de lotes de produtos.

O Mercado de Nadal, promovido polo Concello de Tui, comezou a celebrarse en 2012 en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. Esta actividade pasou dunha véntena de postos nas primeiras edicións a máis de setenta neste 2015.

IV Mercado do Nadal Solidario

Domingo, 6 de decembro de 11 a 21h

Na Praza de San Fernando, Praza do Concello e rúa Ordóñez

Máis de 70 postos de comercio, hostalería e artesanía.

Exposicións de pintura e escultura no Claustro da Catedral.

Tecedora artesanal na Oficina de Turismo

Danza aérea. Obradoiros infantís.

Programación

  • Ás 11h Apertura de Postos
  • Ás 12h Grupo  Folclórico  San  Xoán de Paramos  
  • Ás 13h Grupo  Folclórico  Inquedanzas de Pazos de Reis
  • Ás 17h Grupo  Folclórico  O  Mosteiro de  Pexegueiro
  • Ás 18h Concerto de  Corais  na S.I.  Catedral  de  Tui  coa participación das corais  San  Telmo, Centro  Sociocomunitario e  Ponte  das  Febres.
  • Ás 21h Peche