Este domingo celébrase en Tui o Campionato Provincial Xogade Grupos Show de Patinaxe
Hoxe ás 12h tivo lugar na sala de reunións do Concello de Tui, a presentación do Campionato Provincial Xogade Grupos Show de Patinaxe, que se celebrará este domingo 10, a partir das 18.15h horas, no novo pavillón deportivo municipal de Tui. A actividade está organizada polo Club Patinaxe Artístico Ribex de Tui, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Patinaxe, dentro do programa Xogade de Deporte Galego da Xunta de Galicia.
Na mesma estiveron presentes o tenente alcalde, José Ángel Villaverde, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides e os responsables do Club de Patinaxe Ribex, Carolina Figueroa e Santiago Alonso.
O tenente alcalde do concello de Tui, José Ángel Villaverde, felicitou ao Club Ribex por organizar este evento e quixo convidar aos tudenses e aos cidadáns doutras vilas que acudan este fin de semana á Tui, xa que ademais do Campionato Provincial de Patinaxe se celebrará a Feira de Artesanía.
Carolina Figueroa, responsable do Club Ribex, explicou que o campionato consta de dúas categorías. Deste xeito, na infantil patinarán 3 grupos pequenos e 1 grande e na de primaria participarán 7 grupos pequenos e tamén un grande. Os grupos grandes están formados por máis de 16 patinadores e os pequenos con equipos a partir de 6.
No Campionato provincial Xogade de patinaxe participarán preto de 100 nenos e nenas pertencentes a equipos de Tui, Redondela, Porriño, de Vigo e de Soutomaior.
O xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, quixo agradecer ao Concello de Tui o seu bo facer xestionando eventos deportivos. Apuntou que se debe seguir apostando por estas competicións, que supoñen en moitos casos a primeira vez que os cativos actúan en directo.