Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana haberá cortes nalgunhas das rúas de Tui pola V Festa do Miño e pola procesión do San Roque

13/08/2015

Rúas como Obispo Lago, Antero Rubín, Calvo Sotelo ou os accesos ó Centro Interfederado permanecerán cortadas ó tráfico

Xoves, 13 de agosto de 2015.  Algunhas rúas da cidade de Tui sufrirán cortes este sábado, día 15 de agosto pola tarde, debido á celebración das diferentes actividades vencelladas á V Festa do Miño e tamén pola procesión de San Roque.

Desde as 10 da mañá a parte final do Paseo da Corredoira pecharase ó tráfico debido a que se instalará o palco para as actuacións musicais da noite.

A partir das 16h. comeza o Descenso Popular do Miño e logo disputarase a proba Internacional. Por isto, permanecerán cortados os accesos ó Centro Interfederado, a entrada ó Parador e a Rúa Obispo Maceira.

Desde as 20h. chega a V Festa do Miño, co Festival Gastronómico e os Concertos no Paseo da Corredoira. Debido a estas celebracións, cortarase o tráfico no centro de Tui, concretamente na Rúa Calvo Sotelo dende o cruce con Augusto González Besada. A partir das 20h. habilitarase un desvío desde a Avenida da Concordia por Praza de Galicia e Augusto G.Besada, e viceversa.

Posteriormente terá lugar a Procesión do San Roque, que causará o corte das rúas Ordóñez, Obispo Lago, Antero Rubín, Canónigo Valiño, Calzada e o Atrio de San Bartolomé.