Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana comezan as actividades deportivas da Eurocidade para este 2014

5/03/2014

Mércores, 5 de marzo de 2014. A actividade deportiva da Eurocidade comeza esta fin de semana con dobre proposta. Por unha banda o sábado inícianse as Andainas Saudables e o domingo celébrase o I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade.

Estas citas foron presentadas esta mañá na Casa do Concello de Tui polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, xunto a Mercedes Martín de Verdeazul Aventuras e Marina Carvalho de Montañeiros Celtas do Minho, encargados das Andainas da Eurocidade, e Miguel Abreu da Academia de Baile  Pasos, organizadores do I Torneo de Baile Deportivo.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apuntou que hai que valorar o traballo que se está a realizar dende a Eurocidade, do que dicía que ten efecto multiplicador. Afirmou que o premio de Galicia Saudable concedido en 2013 pola Xunta “é unha motivación para seguir traballando”. Felicitou o rexedor tudense aos organizadores destas actividades tanto pola participación lograda como pola fidelidade por parte do público.

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, sinalou que en 2013 participaron nas Andainas Saudables 1.700 persoas. Lembraba coma as andainas foron o comezo da relación entre os dous municipios con actividades baixo organización conxunta. O seu homólogo de Valença, José Monte, apuntou que este é un proxecto polo que teñen apostado con forza e o reto agora é atraer cada vez a máis público.

Mercedes Martín de Verdeazul Aventuras, deu conta que as andainas teñen carácter transversal xa que non son só unha actividade deportiva senón tamén de coñecemento de lugares e do patrimonio natural e cultural. Explicou coma o público que participa é moi variado tanto en idade como en condición física. As andainas que se realizarán en territorio galego estarán este ano tematizadas de xeito que darán a coñecer distintos aspectos das parroquias.  Dende  Montañeiros Celtas do Minho, Marina Carvalho explicou que apostaron por amosar o patrimonio cultural, natural e paisaxístico. Entre as novidades deste ano está unha andaina con dous días de duración e un percorrido de 60 quilómetros para fomentar a convivencia entre os participantes.

En canto ao torneo de Baile Deportivo da Eurocidade, que se celebra o domingo dende ás 12h no novo pavillón de deportes de Tui, Miguel Abreu, director da Academia de Baile Pasos, apuntou que contarán coa presenza dun centenar de parellas galegas e portuguesas con idades entre os 5 e os 55 anos, entre as que estarán os Campións de España e de Portugal. Precisamente a proba será puntuable para o ranking do norte de Portugal.

Dezasete Andainas Saudables

En 2014 se van celebrar dezasete Andainas Saudables. A cita será cada segundo sábado de mes en Valença e os últimos sábados de mes en Tui.  A primeira delas terá lugar este sábado, o Trilho da Veiga da Mira” cun percorrido de 8 quilómetros á beira do Miño con dificultade doada. O punto de partida será ás 9.45 horas española no aparcamento do Lidl en Valença, ou ás 10 hora española en Nosa Señor da Cabeça.  Mentres o sábado 30 de marzo, ás 10h sairá, das piscinas de Valença, a Ruta pola Volta do Matute cun percorrido, tamén á beira do río, nas parroquias de Randufe e Areas. Na mesma coñecerase o camiño e as dificultades que hai décadas tiñan os veciños de Tui para intercambiar produtos de primeira necesidade con Portugual. Esta andaina coincidirá coa celebración da Eurocidade BTT e terá carácter solidario de tal xeito que os participantes terán que aportar un quilo de alimentos que será doados á Acção Social de Valença.

I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade

Este domingo, 9 de marzo, de 12 a 20h celebrarase no novo pavillón municipal de Tui o I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade. Participarán un centenar de parellas tanto galegas como portuguesas en categorías por idade e por nivel, nas modalidades de estándar e latino.