Esta fin de semana celébrase o Concurso de Gaita e Tamboril e o Día da Muiñeira nunha aposta pola recuperación das tradicións
O sábado renderase homenaxe ao gaiteiro José Luís Alonso Pérez
A música tradicional será protagonista esta fin de semana en Tui coa celebración do IV Concurso de Gaita e Tamboril, o sábado, e do V Día da Muiñeira, o domingo, organizados pola Asociación Xuvenil e Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui.
A presentación destas actividades tivo lugar esta mañá na casa do concello a cargo do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, Conchi Sales, presidenta, e Verónica Morais, vogal, da Asociación Cultural e Xuvenil San Telmo.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, agradeceu á Asociación San Telmo a recuperación destas iniciativas que formaban parte da nosa tradición musical e cultural. Aspecto que destacou tamén o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, quen felicitou a este colectivo polo labor de recuperar actividades tradicionais.
Conchi Sales explicou que dende a Asociación Cultural e Xuvenil San Telmo que presidente buscaron dende a súa creación a recuperación de tradicións e costumes ligadas á cultura tradicional en Tui e no Baixo Miño. Así retomaron hai cinco anos o Día da Muiñeira, que segundo apuntou deixara de celebrarse en Tui en 1995, e ao ano seguinte convocaron o Concurso de Gaita e Tamboril que desaparecera nos anos 50.
O IV Certame de Gaita e Tamboril celebrarase o sábado, 16 de xuño, ás 20.30h na praza de San Fernando con seis participantes de Tui, Pontevedra, Vigo, Ourense, Santiago e Ferrol. O xurado estará formado por Antón Corral, Anxo Lorenzo, Lorena Freijeiro e Andrés Vilán.
No transcurso do IV Certame de Gaita e Tamboril renderase homenaxe a José Luís Alonso Pérez, gaiteiro nado en 1934 en Tomiño e da man do seu pai Ramón Alonso “O Pirico” aprendeu a tocar a gaita e a caixa. Formou parte de treboadas e murgas no Baixo Miño e de grupos coma Os Terribles de Tomiño, Os Alvariños do Rosal e de Os Beiramiño.
Mentres o domingo ás 20.30h dende a Área Panorámica comezará o desfile do Día da Muiñeiras coa participación de máis de 200 persoas pertencentes aos grupos Inquedanzas da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis; Saragana da Asociación Cultural e Xuvenil do Traxe Tradicional de Tui; O Mosteiro da Asociación Cultural O Mosteiro de Pexegueiro; Santa Columbra da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro; Atadeiras da Asociación Folclórica Vento Mareiro da Guarda; Anaquiños de Chapela de Redondela; Flores do Galiñeiro da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios de Gondomar; Ledicias do grupo folclórico C.C.A.R. de Valadares de Vigo; Vento Mareiro de Sampaio de Vigo; Rematarán no Paseo da Corredoira onde de xeito conxunto interpretarán a Foliada de Amoeiro, Muiñeira do Chao, Xota do Vilariño e Muiñeira de Rudís, que serán interpretadas polo grupo de gaitas “O Mosteiro” de Pexegueiro.