Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana celébrase a III Feira do Peregrino

6/07/2018

Desenvolverase un amplo programa de actividades tanto o sábado coma o domingo tendo coma eixo central a praza de San Fernando

Tui foi o punto escollido por 6.825 persoas para iniciar o percorrido do Camiño Portugués de Santiago entre xaneiro e xuño deste ano. Cada día os peregrinos, das máis diversas procedencias, percorren as rúas tudenses camiño de Compostela. Esta fin de semana a cidade celebra a III Festa do Peregrino  organizada por ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, coa colaboración do Concello de Tui.

A praza de San Fernando, onde está situada a Catedral, será o eixo central das actividades programadas con carácter divulgativo e festivo coma mostra de agradecemento ao peregrino universal pero tamén de posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade e do importante papel que xoga en moi diversos ámbitos, dende o turístico, o cultural, o económico... Durante a fin de semana haberá feira de artesanía, obradoiros infantís gratuítos e exposicións.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, será mañá ás 12h, na praza de San Fernando, o encargo da inauguración da feira, tendo lugar a continuación a lectura do pregón a cargo de Mª Victoria Álvarez, presidenta da Asociación Iacobus Tui.  Tanto o sábado como o domingo ao mediodía están previstas charlas sobre o Camiño a cargo da Asociación de Amigos do Camiño de Galicia, e mañá ás 19h celebrarase na igrexa das Clarisas a Misa do Peregrino, oficiada por D. Fernando Cerezo, rector do Seminario Menor.

Os grupos folclóricos O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, Santa Columba de Ribadelouro e Nosa Terra de Pereiras de Mos achegarán unha boa mostra da música tradicional ao longo da xornada de mañá sábado. Mentres Baobab Teatro presentará a o espectáculo de contacontos e monicrequestes “Contos para un caldiño” ás 20h, dirixido a público familiar.  A xornada pecharase cunha queimada, con conxuro ás 23h.

O domingo os grupos Lóstregos e Saragana da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui, as pandereteiras A Noira, o grupo A Nosa Terra de Mos, e Asocirco ofrecerán actuacións ao longo da xornada.  A feira será clausura a última hora do domingo polo xerente da S.A. Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

Co gallo desta III Feira do Peregrino ACITUI editou un libro con información sobre as etapas do Camiño Portugués, e coa historia desta ruta xacobea. Este evento será solidario cos afectados de Paramos.