Espectáculo de narración oral para celebrar o Día da Biblioteca
Será este xoves ás 17.30 h con “Burromaquia” de Inacio Vilariño
A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle este xoves, 24 de outubro, ás 17.30 h a celebración do “Día da Biblioteca” con “Burromaquia” actividade dirixida ao público infantil a cargo de Inacio Viñariño de Fantoches Baj.
“Burromaquia” é un espectáculo de narración oral, para público familiar a partir de 3 anos, cunha selección de contos, fábulas, poemas e cancións nas que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación, os rapaces e rapazas van descubrindo a historia do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, lembra que o lema deste ano 2024 do “Día da Biblioteca”, "Por un futuro sostible", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, a biblioteca contribúe a construír unha sociedade cada vez máis informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras. Como institucións democráticas, as bibliotecas son espazos accesibles abertos á participación da cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento, de posta en marcha de novas ideas e proxectos. Nesta liña se traballa na Biblioteca tudense.
No que vai de ano a Biblioteca Municipal leva realizados 14.733 prestamos de libros á domicilio, o que significa arredor de 50 préstamos diarios, a 1.069 socios da biblioteca. No que vai de ano téñense incorporado un total de 319 novas persoas usuarias como socias do servizo de préstamo a domicilio. Uns datos que sinala a concelleira de Cultura tudense reflicten o dinamismo desta Biblioteca Municipal.