Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Escolares da Louriña e do Baixo Miño visitan a depuradora de Guillarei

6/05/2014

As visitas á instalación do Consorcio de Augas do Louro dan continuidade á programación educativa desenvolvida durante estes anos polos concellos e Augas de Galicia

Martes, 6 de maio de 2014 . Durante o pasado mes de abril mais de 30 escolares de 3º curso da ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e mais de 70 escolares do IES de Tomiño teñen realizado sendas visitas didácticas ás instalacións da EDAR de Guillarei, xestionadas actualmente polo Consorcio de Augas do Louro.

A realización destas accións formativas permite dar continuidade á colaboración brindada por Augas de Galicia aos concellos en anos anteriores, toda vez que tanto este organismo como os concellos de Tui, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas integran o Consorcio de Augas do Louro na actualidade.

As visitas tratan de difundir a importancia da depuración das augas residuais como parte do ciclo urbano da auga e o compromiso do Consorcio co medio ambiente, achegando aos escolares o concepto de que a auga de calidade é un recurso imprescindible e limitado que é necesario coidar para non comprometer a posibilidade do seu uso futuro.

Nesta liña o Consorcio de Augas do Louro está a deseñar itinerarios de visita específicos en función da idade e nivel formativo dos visitantes, prestando especial atención ás medidas de seguridade a adoptar nas visitas dos menores de 12 anos. Para eles o Consorcio ten previsto a instalación dunha aula de interpretación do ciclo urbano da auga, zonas de xogos interactivos, mapas e fichas explicativas, que fagan mais ameno e aproveitable o recorrido.

Debido a este motivo as visitas programadas a día de hoxe para o que resta do presente curso escolar están dirixidas especialmente a alumnos de secundaria e centros universitarios, estando tamén abertas para outros grupos e colectivos.