Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Enrique Miguez Medalla ao Mérito Deportivo Galego

24/05/2012

Enrique Míguez, padeeiro do Club Kayak Tudense, que participou en tres Xogos Olímpicos, Los Ángeles 84, Seúl 88 e Barcelona 92, acadando a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 84, recibirá mañá xoves, no paraninfo da Universidade da Coruña, a Medalla ao Mérito Deportivo Galego.

 

As distincións ao mérito deportivo son concedidas en recoñecemento da labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo, ou tiveran contribuído ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e a educación física en Galicia.

 

Para o Concello de Tui, Enrique Míguez é un referente no deporte tudense, tanto como deportista, polos éxitos deportivos que acadou nos diferentes campionatos nacionais e as súas participacións nos Xogos Olímpicos, como pola súa faceta de adestrador do Club Kayak Tudense.

 

Todos os tudenses lembran o recibimento que se lle fixo tras gañar a medalla de bronce en Los Ángeles 84, onde as rúas estaban cheas de veciños e veciñas con ganas de compartir o éxito acadado por Quique.

 

Palmarés de Enrique Míguez

 

·          Participou en 8 Campionatos do Mundo

·          Xogos Olímpicos de Los Ángeles 84 – Bronce en C2 500 m.

·          Xogos Olímpicos de Seúl 88 - Semifinalista

·          Xogos Olímpicos de Barcelona 92 - Semifinalista

·          Xogos do Mediterráneo de Atenas – Prata en C2 500 m.

·          Xogos do Mediterráneo de París – Ouro en C1 1.000m. e Prata en C1 500 m.

·          Posúe 22 títulos nacionais e 10 galegos