Encontro Galego-Portugués sobre Cooperativismo e Economía Social na Aula da UNED de Tui
Martes, 27 de maio de 2014 . A Aula da UNED de Tui, no antigo convento de Santo Domingo, acolle hoxe pola mañá o encontro Galego-Portugués Eusumo de Cooperativismo e Economía Social, co obxectivo de dar a coñecer as potencialidades do cooperativismo como ferramenta para a creación de emprego na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A inaguración está prevista ás 10h a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Méndes, o director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, e co director Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá Rodríguez.
Ao longo da xornada presentaranse os recursos dispoñibles no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a Economía Social así coma os programas de apoio ao emprendemento cooperativo promovidos pola administración pública e as asociación de cooperativas a ambos lados da fronteira. Ademais, contarase cun espazo de mostra de produtos e servizos cooperativos da Eurorrexión. O encontro está dirixido fundamentalmente aos diferentes axentes públicos e asociativos que están a xogar un papel activo na promoción do cooperativismo e a economía social en Galicia e no Norte de Portugal.
A promoción do emprendemento xuvenil, o cooperativismo agrario como motor de emprego en Galicia, o traballo asociado coma unha vía colectiva de autoemprego ou a presentación de experiencias cooperativas no ámbito cultural e agroalimentario serán algúns dos puntos a tratar nesta xornada que ten prevista a súa clausura ás 14:30h.