Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Encontro coa futbolista Paula Dapena, networking Mulleres Conectadas e roteiro esta semana dentro da programación do 8M

13/03/2024

A futbolista galega Paula Dapena estará mañá en Tui para participar nunha nova actividade do programa organizado polo  Concello de Tui con motivo do Día Internacional da Muller. Mañá xoves, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez haberá un encontro coa deportista baixo o título de “A futbolista galega que se negou a gardar un minuto de silencio por Diego Armando Maradona”.

Dentro da programación desta semana do 8M está prevista o venres  a terceira edición do networking “Mulleres Conectadas” dende ás 9.30 h até ás 14 h na Aula da UNED. A inscrición, gratuíta, está aínda aberta cubrindo o impreso dispoñible en tui.gal. O obxectivo do networking é brindar un espazo de encontro entre mulleres empresarias, emprendedoras e directivas de Galicia e Portugal para crear oportunidades de negocio e colaboracións. O programa previsto comezará ás 9.30 h cun café e a benvida por parte da concelleira de Emprego e Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, presentará a xornada, para dar paso á actividade de Networking.  Ás 10.45 h está prevista unha charla a cargo da alpinista e referente deportiva Chus Lago. Tras unha pausa, ás 12.30 h, intervirán varias mulleres líderes de España e Portugal, para continuar coa actividade de Networking. Ás 13.30 h está previsto un monólogo da actriz galega Arantxa Treus. A clausura da xornada está prevista ás 14 h a cargo da vereadora da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier.

Xa o domingo, se o tempo o permite, realizarase o roteiro “Camiñando con elas” que foi adiado o pasado domingo 10 pola choiva. Saíra ás 11 h da Praza da Inmaculada para realizar un percorrido dunha hora polo conxunto histórico no que se coñecerá a vida e historia de dez mulleres tudenses: Antonia Saravia, Cándida Rodríguez, Clara Torres, Conchiña Concheiro, Evagelina Jaso, Josefa Correa, María Suárez Sarmiento, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca e Rosa Bahamonde. É preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo.

A programación do Día Internacional da Muller pecharase o próximo xoves, 21 de marzo, ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez co encontro coa escritora Inma López que  presentará o seu libro “Escola de mulleres”.