Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

En marzo celebrarase o ciclo “Xuntas aprendemos” dentro do programa conmemorativo do 8M

24/02/2022

Están organizadas pola concellería de Igualdade en colaboración coa Aula da UNED

“Xuntas aprendemos” é o título das actividades que se van desenvolver os xoves do mes de marzo na Aula da UNED de Tui organizadas pola concellería de Igualdade do Concello de Tui dentro dun proxecto colaborativo coa aula universitaria tudense. Esta actividade forma parte do programa previsto para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. 

“Xuntas aprendemos” é un ciclo de obradoiros conferencias nos que se compartirá, aprenderá e reflexionará sobre o desenvolvemento persoal, o feminismo, a igualdade,  os recursos públicos e atención xurídica a mulleres,… da man de cinco mulleres especialistas en cada un dos temas propostos que foron convidadas a participar nesta iniciativa. 

A cita será cada xoves de marzo de 18 a 20 h. Para participar, por cuestións de aforo, recoméndase reservar praza nos correos igualdade@tui.gal e aula.tui@pontevedra.uned.es. Amais pódese ampliar a información sobre  esta actividade no teléfono 633 903 446.
O programa previsto é o seguinte: 

  • Xoves, 3 de marzo: “Mulleres fronte ó espello”. Autoestima, confianza, crenzas limitantes e empoderamento feminino. Convida: Hérika Miguez. Directora Universidade da Felicidade Vigo. Coach Persoal, Educativa e Executiva, experta en Intelixencia Emocional e Certificada como Formadora de Elite de cursos de alto impacto na Universidade de Salamanca e a Universidade da Felicidade.
  • Xoves, 10 de marzo: “A historia do feminismo; das Sufraxistas ao Me Too”. Feminismo como motor de transformación, crítica social, percorrido histórico, ondas e principais referentes. Convidada: Laura Seara Sobrado. Avogada e política española, foi deputada do Parlamento de Galicia polo PSOE, deputada nas Cortes Xerais e secretaria de Estado de Igualdade no goberno de José Luís Rodríguez Zapatero en 2011.
  • Xoves, 17 de marzo: “Introdución á Igualdade de Xénero” Xénero, patriarcado, androcentrismo, estereotipos, violencia simbólica, linguaxe sexista, socialización diferenciada. Convidada: Ana Román. Axente de Igualdade colaboradora do Concello de Tui.
  • Xoves, 24 de marzo: “A intervención xurídica con mulleres; unha perspectiva feminista”. Recursos públicos de atención e asesoramento a mulleres . Violencia de xénero e Dereito de Familia. Ou exercicio efectivo dous dereitos e ou acceso á información. A atención profesional e especializada. Convidada: Silvia Rodríguez Fernández. Avogada e especialista en Igualdade do programa “Muller Tui” do Concello de Tui.
  • Xoves, 31 de marzo: “Mitos do amor romántico” violencia de xénero, amor compañeiro, a horta do amor. Convidada: Minerva Ojeda Psicóloga clínica pola UNAM (México).

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, expón que se trata “dunha actividade moi interesante, na que quixemos aunar un espazo de pensamento, coñecemento e profesionalidade -e de aí a colaboración coa aula UNED e as distintas profesionais convidadas- coa experiencia diaria das mulleres e os seus problemas reais”. Engade que “esa posta en común é o espazo no que todas, participantes e convidadas, porán en común coñecemento e experiencia: é un lugar de reflexión e tamén de sororidade”. É por iso polo que a concelleira convida ás veciñas de Tui a participar neste ciclo.