Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A elite do piragüismo de Dinamarca adestrará nas próximas semanas en Tui

18/03/2021

O equipo Dansprint utilizará as instalacións do CETD de Tui e o río Miño

Tui volverá a ser sede dunha concentración de deportistas de alto nivel, esta vez de piragüismo. Dende este sábado, 20 de marzo, e até o 5 de abril, o equipo Dansprint, da cidade de Hvidovre de Dinamarca, xunto a dous integrantes da propia selección nacional danesa, entre eles o actual Campión do Mundo de Maratón sub23 e do Descenso Internacional do Sella, Mads Brandt Petersen, adestrarán en Tui.

O equipo utilizará as instalacións do CETD, Centro Especializado de Tecnificación Deportiva, de Remo e Piragüismo de Tui e o río Miño. Compartirá adestramentos e experiencias cos deportistas do Club Kaiak Tudense e con padeeiros tudenses como Iván Alonso e o seu compañeiro Jaime Sobrado, rivais directos dos daneses a nivel mundial na modalidade de maratón.

Esta nova concentración, que se suma á realizada recentemente pola Selección Nacional Uruguaia de Remo, constata as excelentes condicións que Tui presentan para adestrar, pola  lámina de auga do río Miño, as instalacións deportivas, os clubs deportivos e deportistas de alto nivel, tanto de remo, como de piragüismo. Ao que se suman as posibilidades de aloxamento na cidade. O que fan que a cidade sexa sede anual de concentracións deportivas de seleccións nacionais.