Elefante Elegante presenta este venres no Teatro Municipal “Kyoki”
A obra de teatro xestual, dirixida a público familiar, aborda cunha mirada cómplice o esquecemento, a vellez e a soidade
“Kyoki” é o título do espectáculo que este venres, 8 de novembro, ás 19 h presenta Elefante Elegante dentro da programación de outono. Baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, coa interpretación de María Torres e a manipulación de obxectos de Mario Rodríguez, aborda cunha mirada cómplice, reflexiva e sensible o esquecemento, a vellez e a soidade. O título do espectáculo Kyoki significa “demencia” en xaponés. No mesmo, a actriz principal, interpreta a avoa, a súa filla e a doutora, representando así á familia, as institucións médicas e sociais.
A través dunha linguaxe xestual, que se apoia na manipulación de obxectos e na interacción constante co espazo escénico, o espectáculo constrúe un universo cómico e poético, movéndose entre o realismo e a hipérbole da vida cotiá.
O espectáculo, dirixido a público familiar, conta cunha duración de 45 minutos. As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18.50 h aos prezos de 4€ e 3€.