Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A educación a debate no I Congreso Internacional de Tui-Valença

10/03/2023

A educación do presente e do futuro está a debate hoxe e mañá na Eurocidade Tui-Valença no I Congreso Internacional que comezou esta tarde no auditorio da ESCE de Valença e que mañá prosegue no Teatro Municipal de Tui.

No acto inaugural participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; José Carpinteira;  presidente da Cámara de Valença; Manuel Vila, secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación; José Manuel Bar Cendón, secretario de Estado de Educación do Ministerio de Educación y Formación Profesional; Maria Joao Horta, subdirectora geral de Educación; Florencio Luengo do proxecto Atlántida e Ariana Cosme, dos Equipos de Investigación da Universidade de Porto. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, referiuse a este congreso coma “unha iniciativa acertadísima e moi feliz” nun territorio que “coma ningún outro enxalza o que son, e seguirán sendo, as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal”. Engadiu que “este foro vai servir para colocar a educación no ámbito da cooperación e das relacións entre España e Portugal”.

Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira,  salientou coma “este evento é un marco importante que promove a discusión e a proxección de novos horizontes nas políticas educativas, sendo unha honra para nós acollelo”. Engadía coma a educación figura na Estratexia 2030 da Eurocidade aprobada o ano pasado.

Manuel Vila, secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, salientaba coma grazas a este “hoxe e mañá van soplar ventos que nos axuden a levar a nave ao bo porto” no eido da educación.

Maria Joao Horta, subdirectora geral de Educacao, referiuse á “necesidade e importancia de capacitar e preparar aos nosos profesores para o que hai por diante”.

Mentres José Manuel Bar Cendón, secretario de Estado de Educación do Ministerio de Educación y Formación Profesional, salientou coma as reformas educativas, que centran esta primeira xornada, “constitúen un reto”, por iso dicía “é importante que nos atopemos”, referíndose a necesidade das reformas xa que afirmaba “manter a educación sen cambios garante o fracaso máis absoluto. Estaremos educando para un mundo que xa non existe”. Expuxo a necesidade de  “investir en medidas eficaces para combater as desigualdades e as brechas educativas”.

Tras esta primeira xornada a actividade retómase mañá ás 10.30 h ES no Teatro Municipal de Tui con Antonio Sampaio da Nóvoa, experto mundial de Historia da Educación, reitor de honra e profesor da Universidade de Lisboa, será o encargado de abrir a xornada coa ponencia “Desafíos na formación e reconstrución da profesión docente”. Será presentado polo decano da Facultade de Educación de Ourense, Xosé Manuel Cid Fernández. O tema que abordará  dende ás 10.30 h ES será “Desafíos na formación e reconstrución da profesión docente”.

Ás 11.15 h ES o CEIP nº1 e  o IES San Paio presentarán o panel de experiencias competenciais que desenvolven nestes centros educativos tudenses. E a continuación, ás 12.00 h ES, será a quenda da AE de Monçao, Muralhas do Minho, Vila Nova de Cerveira e Caminha, para expor as experiencias competenciais que desenvolven nestes centros portugueses do Alto Minho.

A xornada matinal pecharase abordando a “Avaliación competencial e perfil de saída. Ferramentas dixitais por escolas”, contando coa intervención de Eusebio Machado por parte de Portugal, e de Javier Cortés e José Antonio Gómez, especialistas en avaliación e plataformas dixitais.  Moderará Daniela Ferreira dos equipos de investigación da Universidade de Porto.

A actividade retomarase ás 16.30  h  con “Sustentabilidade, inclusión e D.U.A no cambio educativo escola-familia-comunidade. Situacións para a aprendizaxe inclusiva” coa participación de Antonio Bolívar, catedrático de Didáctica da Universidade de Granada, Florencio Luengo, coordinador xeral do Proxecto Atlántida, Luísa Ucha, do gabinete do Ministerio de Educación de Portugal, e Juan de Dios Fernández de Atarfe de Granada.

Neste congreso abordarase tamén o perfil profesional docente. Será o sábado ás 17.45 h ES da man de Luiza Corteao, da Universidade de Porto, e de Carmen Pellicer da Fundación Trilema, nunha intervención que será moderada por Teresa Domínguez, asesora e coordinadora Atlántida en Galicia.

A clausura e presentación das conclusións deste congreso está prevista para as 18.45 h co título “Cara a unha alianza reforzada: consello de sustentabilidade e patrimonio”. No acto de peche contarase coa presenza de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; José Carpinteira;  presidente da Cámara de Valença, Carmela Silva, presidenta da Deputación, Eva Lantarón, vicereitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, e Rui Trindade da EIP-CIIE-FPCEUP.

A xornada poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Concello de Tui.