Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Deporte e entorno natural combínanse no Trail do Aloia que se celebra esta fin de semana

3/05/2022

O sábado disputarase a proba para as categorías infantís e o domingo a absoluta con dúas distancias de 21 e 12 quilómetros

Esta fin de semana celébrase no Parque Natural do Monte Aloia en Tui o Trail do Aloia, un evento que forma parte do calendario de probas  deportivas da Eurocidade Tui-Valença e do Pontevedra Trail League.  Máis de 500 persoas participarán nesta actividade na que o sábado pola tarde competirán as categorías infantís e xa o domingo as categorías absolutas.

A proba que en 2021 se celebrou en novembro volve agora á primavera e da continuidade a aposta realizada o ano pasado presentando tamén un evento para nenos e nenas, o Aloia Trail Kids, no que na anterior edición participaron máis de 150 cativos e cativas.

A proba foi presentada esta mañá na Macoca,no Monte Aloia, polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a deputada provincial de Emprego, Raquel Giráldez, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto da Cámara Municipal de Valença, Arlindo Sousa, así como os responsables da empresa organizadora Serafín Martínez e Justi Peixoto.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención a singulariedade desta actividade que “engloba deporte co coñecemento do entorno” engadindo que ten amais “un compoñente transfronteirizo”. Afirmaba o rexedor tudense que esta proba “amais de fomentar a práctica deportiva tamén dinamiza a economía do lugar onde se celebra” salientando coma combina o medio urbano e o natural.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, lembrou que este evento está financiado con fondos europeos dentro do calendario deportivo da Eurocidade. Sinalou que se trata dunha “proba moi interesante e para disfrutar do Monte Aloia”. Quixo tamén Rafael Estévez sinalar a aposta que se fai para que as probas deportivas que se celebran en Tui teñan unha opción infantil.

O vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, sinalou coma este tipo de probas “son un xeito de dar a coñecer o patrimonio natural que temos” lembrando que é un dos 18 eventos que conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença neste 2022.

A deputada provincial de Emprego, Raquel Giráldez, lembrou o compromiso da Deputación co deporte, e fixo fincapé na estreita relación entre deporte e turismo, porque as persoas que participarán no trail e os seus acompañantes de seguro aproveitarán para coñecer a zona.

Serafín Martínez, organizador da proba explicaba esta mañá na presentación que unha das novidades desta edición está en que o domingo a liña de saída e de meta situarase no céntrico Paseo da Corredoira. Haberá dúas distancias, unha longa de 21 quilómetros que chegará ata o cumio do Aloia, e unha curta de 12 quilómetros. O percorrido permitirá aos participantes coñecer novas zonas do Parque Natural do Monte Aloia “combinando a dureza co espectáculo das vistas” segundo Serafín Martínez. Agardan reunir, segundo Serafín Martínez entre 300 e 400 persoas en competición.

A inscrición está aberta para o Trail do Aloia até mañá mércores para as categorías absolutas e até o xoves para as inferiores en www.traildoaloia.com.

A saída do Aloia Kids Trail será o sábado a partir das 16.30 h na Macoca. Mentres o domingo dende o Paseo da Corredoira ás 10 h sairán os participantes na proba de 21 quilómetros, e ás  11 h a proba de 12 quilómetros.

O Trail do Aloia está subvencionado polo proxecto INTERREG UNICIDADE VALENÇA-TUI.