Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Dámaso Rodríguez Costas protagonista da nova conferencia do Foro do Camiño Portugués

18/11/2021

Este peregrino tudense é autor do libro “Ruta jacobea. Camino y leyenda”

O próximo martes, 23 de novembro, ás 19 h na Aula CEMIT do edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica, acolle unha nova conferencia do Foro do Camiño Portugués coa intervención de Dámaso Rodríguez Costas, peregrino tudense e autor do libro “Ruta jacobea. Camino y leyenda”.

Dámaso Rodríguez Costas (1954, Guillarei) é licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, diplomado en Ciencias Policiais pola Universidade de Salamanca e diplomado Postgrado en Investigación Pública e Privada pola Universidade Central de Cataluña. Foi funcionario desde 1979 ata 2019, cando se xubilou como Inspector Xefe da Policía Nacional.

A presenza de Dámaso Rodríguez Costas neste Foro do Camiño, creado o pasado mes de abril, resulta unha oportunidade para recoller unha visión do Camiño Portugués e por extensión das rutas xacobeas dende a experiencia dun peregrino, os auténticos protagonistas do fenómeno cultural turístico que é o Camiño xacobeo. Polo Foro do Camiño Portugués teñen xa realizado á súa achega responsables das administracións públicas de Galicia e o Norte de Portugal ou da igrexa católica, por iso contar coa voz dun peregrino que transmita a súa experiencia e visión do Camiño completa a visión que o Concello de Tui quere ofrecer a través deste Foro do Camiño Portugués.

A conferencia o próximo martes 23 ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, recomendándose inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de xuño  Luís Quinteiro, bispo da diócese de Tui-Vigo.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.100 amigos, etc.