Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Curso de “iniciación ao gravado” a cargo de Xabier de Sousa no vindeiro mes de Novembro en Tui

20/10/2010

CURSO DE “INICIACIÓN AO GRAVADO” A CARGO DE XABIER DE SOUSA NO VINDEIRO MES DE NOVEMBRO EN TUI

Martes, 19 de outubro de 2010. A Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, organiza no mes de novembro un curso de iniciación ao gravado que terá lugar na cidade. Terá unha duración de 32 horas e será impartido nos días 6, 7, 13 e 14 de novembro no edificio Área Panorámica de Tui e será impartido por Xabier de Sousa.

Este curso está dirixido especialmente aos artesáns, con carta de artesán en vigor, pero está aberto á participación de cantas persoas estean interesadas no achegamento a este procedemento artístico. Os artesáns interesados poden realizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación Centro de Artesania e Deseño (http://www.artesaniadegalicia.org/fundacion/ca/web/cursos.php?curidc=129) e os outros interesados deberán contactar con esta Fundación a través do teléfono 881 999 171 / 881 999 175 ou do correo electrónico centro.artesania[@]xunta.es.

Esta actividade de formación enmarcase na colaboración aberta entre a Concellería de Cultura do Concello de Tui e a Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño que tivo o seu primeiro acto na presenza na cidade da exposición “Contornos” sobre o traballo dos torneiros de Galicia e que contou cunha exhibición en vivo do seu traballo artesanal.

Xabier de Sousa nado en Tui no ano 1960, posúe unha formación autodidacta no mundo da arte, ten realizado estudios de gravado en diversos talleres de Arte Gráfica da provincia de Pontevedra e de Lugo. Imparte cursos monográficos de gravado. Membro do grupo “Graph” (gravadores do sur de Galicia); impulsor e co-director do centro de gravado “+Obra gráfica galega” de Vigo e tamén do grupo de gravadores “Escara” (con sede en Lugo). Na actualidade é director do estudo de gravado “Chicorio” de Vigo e ten aberto recentemente un estudio e obradoiro na cidade de Vigo.

Na súa longa traxectoria de exposicións, tanto individuais como colectivas, poderíamos destacar a súa participación en “Estampa” o Salón Internacional do Gravado de Madrid en varias edicións, ou na Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira, foi seleccionado e certames artístico en Europa e América, realizando numerosas exposicións en varios países europeos. Obtivo o 1.º premio na VII Bienal do Eixo Atlántico. Foi seleccionado no VI Premi de Gravat Ciutat de Lleida, e participou no 1.º Salón Internacional de Arte Contemporáneo «Puroarte» (Vigo), na XIV Estampa (Salón Internacional do gravado e edición de arte contemporánea, Madrid). En 2007 foi seleccionado no Certame de Gravado «Máximo Ramos» (Ferrol), no Premio Nacional de Pintura «El Primero de Fariña» (Toro) e no I Premio Nacional de Gravado «Ciudad de Valladolid». As súas obras figuran no Museo Nacional do Gravado de Bos Aires (Arxentina), no Museo Municipal de Ourense, no Museo de Belas Artes «Lucas Braulio Areco» (Municipalidad de Posadas, Arxentina), no Museo San Telmo de Donostia (Guipúscoa), na Biblioteca Nacional (Madrid), na Deputación de Ourense e na Fundación Caixanova (Vigo). Foi finalista dos premios de artesania 2008 e 2009 entre outras moitas distincións á súa obra.