Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A corporación municipal de Tui recoñeceu os éxitos a nivel nacional do deporte tudense

23/03/2016


A corporación municipal de Tui realizou esta tarde un recoñecemento especial polos títulos acadados nas últimas semanas a nivel nacional ao Club Kayak Tudense, que se proclamou Campión de España de Inverno, ao triatleta Gustavo Domínguez que se impuxo no Campionato de España de Duatlón de Longa Distancia, e aos remeiros tudenses Nuria Domínguez, campioa do Open de España, David Prada, Diego das Dores, Jesús González e Francisco Álvarez, que formaron parte do Oito de Galicia que se impuxo no Open de España por Autonomías.

O acto tivo lugar no salón de sesións da Casa do Concello, previa á celebración do pleno extraordinario realizado esta tarde. Os voceiros dos grupos políticos felicitaron a estes deportistas polos seus éxitos, e polo esforzo que realizan.

O alcalde de Tui salientou que “sodes un orgullo e un exemplo para esta cidade, e sobre todo para a xente nova que quere iniciarse ou se inicia no camiño do deporte”.

Antonio Fernández Rocha, do PP, salientou que estes deportistas son os mellores embaixadores que ten Tui, felicitando ao estes campións polo seu traballo e esforzo. Carlos Vázquez Padín, de C21, deu tamén os parabéns aos deportistas polo modelo de esforzo que representan, e polos éxitos. Manuel González, de CsT, felicitou aos deportistas polas medallas logradas e o esforzo realizado, así coma aos directivos dos clubs polo seu traballo. Mentres José Manuel Sousa, de APTui, felicitou aos deportistas por estes éxitos, que desexou sigan chegan, ao tempo que agradecía que leven o nome de Tui polo mundo nas distintas competicións.

O concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, tamén se congratulou destes títulos nacionais e aproveitou para repasar os distintos logros de deportistas e clubs tudenses ao longo deste mes.