Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

CORES TOURÍS VISITOU O CONCELLO DE TUI PARA MANTER UN PRIMEIRO ENCONTRO INSTITUCIONAL CO NOVO ALCALDE DA LOCALIDADE

10/07/2015

* O delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizou con Enrique Cabaleiro temas como un novo centro de día ou un novo edificio xudicial para a localidade do Miño


* O responsable da Delegación destacou a colaboración da administración autonómica con este concello, facendo referencia a proxectos como a execución do centro de saúde, o saneamento integral do río Louro, a rehabilitación da catedral ou a reforma da praza de abastos

 Tui, 10 de xullo de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tui dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou ao novo rexedor da vila tudense, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.   

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións que xa foron solicitadas no seu día polo anterior Goberno local, como a preocupación polo tipo de remate da fachada do centro de saúde, o depósito de auga do barrio do Monte en Caldelas, o acceso a vía de alta capacidade cara ao polígono de Areas ou a execución dun novo centro de día e dun novo edificio dos xulgados.

O delegado territorial destacou a importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

En relación ao concello de Tui, o delegado territorial recordou que a administración autonómica puxo en marcha, durante estes pasados anos, numerosos proxectos neste concello, o acondicionamento das marxes da estrada autonómica PO-404, ou a mellora da praza de abastos, das infraestruturas do Centro Comercial Aberto de Tui.

“Sen dúbida temos que destacar infraestruturas moi importantes para a vila efectuadas nos últimos anos e apoiadas pola administración autonómica, como a nova escola infantil ou o centro de saúde, actualmente en execución”, engadiu o delegado territorial. O saneamento integral do río Louro e a execución de 13 novos puntos de conexión da rede secundaira de abastecemento a EDAR de Guillarei, ou as obras de rehabilitación da catedral de Tui, na que se investiu máis dun millón de euros, son outros dos proxectos destacados por José Manuel Cores tourís. “Precisamente en relación á catedral, onte licitouse o contrato de obras de eliminación de humidades nas cubertas pétreas e nas fachadas do ciborio por un montante de 203.000 euros, o que ven a demostrar que seguimos moi comprometidos co patrimonio histórico desta vila”.