As corais tudenses encherán de música de Nadal o Paseo da Corredoira
Actuarán dentro da programación Tui, o Camiño do Nadal
A música coral será a protagonista esta fin de semana dentro da programación Tui, o Camiño do Nadal que organiza o Concelllo de Tui. Panxoliñas tradicionais e populares soarán nas voces dos e das integrantes das tres corais tudenses tanto mañá sábado coma o domingo no Paseo da Corredoira.
Así mañá ás 13 h será a quenda da Coral do Centro Social e ás 19 h da Coral San Telmo. Mentres o domingo ás 13 h actuará a Coral Ponte das Febres.
A programación musical na rúa comezou xa a pasada fin de semana co grupo Arrancaxestas de Ribadelouro e coa Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro. As actividades de rúa continuarán nas tardes do xoves 14, venres 15 e xoves 21 de decembro cos concertos que ofrecerán os alumnos e alumnas do Conservatorio e da Escola de Música de Tui.
Dentro da programación Tui, o Camiño do Nadal continúa no Paseo da Corredoira o Mercado de Nadal. As quince casetas abrirán hoxe venres e mañá sábado de 12 a 14 h e de 17 a 23 h, e o domingo de 12 a 14 h e de 17 a 21 h. Nos postos pódense atopar produtos de decoración de Nadal, agasallos, ou gastronomía.
Amais distintos puntos do centro urbano tudense transfórmanse estes días coa decoración de Nadal coma as rúas Ourense, Colón, Ordóñez, o Paseo da Corredoira ou a praza de San Fernando.