Constituído o Consello de Goberno da Radio Municipal de Tui para os próximos 4 anos
Coma primeira acción encarga a redacción dunha nova ordenanza dos prezos públicos da publicidade na emisora municipal
O Consello de Goberno da Radio Municipal de Tui está xa constituído para os próximos catro anos. Está presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que onte non puido asistir á reunión de constitución. Forman parte do mesmo un representante de cada un dos grupos políticos que conforman a corporación municipal de Tui que son Ana Núñez polo PSOE, Dolores Soto polo PP, José Martínez Tato polo BNG e José Manuel Palacín por C21. Forman parte tamén do Consello dous representantes das asociacións e clubs inscritos no rexistro municipal que foron elixidos na reunión celebrada o pasado mes de decembro. Trátase de Pablo Comesaña da Asociación Cultural Enfoques e Ricardo da Silva da Asociación de Muiñeiros do río Tripes. Amais forman parte tamén deste órgano, con voz pero sen voto, o director da emisora, Jose Font, e coma representante do Consello de Emisión, formado por tres traballadores e tres persoas colaboradoras, Beti Rey.
Nesta primeira reunión o Consello de Goberno encargou ao director da emisora municipal iniciar os trámites e estudos para a redacción dunha nova ordenanza municipal dos prezos públicos pola emisión de publicidade na Radio Municipal de Tui, co fin de adaptar o seu contido á actualidade tanto en canto aos importe do prezo público coma as distintas modalidades de publicidade existentes.