Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Conferencia conmemorativa dos Xogos Florais

19/06/2024

Miguel Vila disertará sobre “Menús e poesía na Galicia do Rexurdimento” o luns 24 ás 20 h na Sala Félix Rodríguez

O vindeiro luns, 24 de xuño, coincidindo co CXXXIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia, o concello de Tui realizará, un ano máis, un acto conmemorativo desta data sinalada na recuperación da lingua e da cultura galega que tivo a Tui como protagonista.

Este ano o acto de lembranza centrarase no banquete rexionalista celebrado o 26 de xuño coincidindo coa clausura destes Xogos Florais de Galicia e que marcou tamén un fito na vida tudense. Para iso contarase en Tui coa presenza dun dos máximos especialistas na gastronomía de Galicia, Miguel Vila Pernas, que disertará sobre “Menús e poesía na Galicia do Rexurdimento”. Esta conferencia terá lugar o luns 24 de xuño ás 20,00 horas na Sala “Félix Rodríguez González” no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) de Tui.

Para a concelleira de Cultura do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, con esta conferencia lembrase esta importante data tanto para a nosa cidade como para Galicia, pois estes Xogos Florais de Galicia de 1891 sinalan o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega e marcan un fito no proceso de recuperación e normalización da nosa lingua e cultura. Resulta pois obrigado que o Concello de Tui conmemore este evento e reivindique el papel de Tui na revitalización da nosa lingua e cultura.

MIGUEL VILA PERNAS estudou xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e nos últimas décadas desenvolve un traballo periodístico de investigación e divulgación da cociña e gastronomía galegas a través dos medios de comunicación —entre eles destaca o blog gastronómico www.colineta.com, que o autor puxo en marcha en 2005— e coas súas publicacións escritas. Numerosos e prestixiosos premios acreditan a súa brillante traxectoria. É autor de seis libros de materia culinaria: A cociña de Entroido e San Xoán (2006), Premio Gourmand; A cociña do Merlín (2005), Premio Álvaro Cunqueiro; Caldeirada para dous (mortos) (2003), Premio Álvaro Cunqueiro; Dicionario galego de gastronomía (1999), Guía Gastronómica de Santiago (2008), o conto infantil Hora de comer (2007) ou Gastronomia monacal de Galicia (2015), etc.  Así mesmo, obtivo o Premio Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na modalidade de mellor labor informativo continuado relacionado cos “Alimentos de España”, polos artigos publicados no diario El Progreso ao longo do ano 2005.

 

Para a concelleira de cultura do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, con esta conferencia lembrase esta importante data tanto para a nosa cidade como para Galicia, pois estes Xogos Florais de Galicia de 1891 sinalan o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega e marcan un fito no proceso de recuperación e normalización da nosa lingua e cultura. Resulta pois obrigado que o Concello de Tui conmemore este evento e reivindique el papel de Tui na revitalización da nosa lingua e cultura.

Xogos Florais de Galicia, Tui 1891

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade do 24 ao 26 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" -que lembraremos neste ano 2024- ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.