Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Concello e Deputación acordan as actuacións prioritarias en materia de mobilidade nas estradas provinciais de Caldelas, Rebordáns e Ribadelouro

14/04/2016


Solicitar o arranxos nas estradas provinciais en Caldelas, Rebordáns e Ribadelouro que presentan un estado de deterioro foi o principal obxectivo da reunión mantida onte polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural, Recollida de Lixo, Limpeza Viaria e Participación Cidadá, José Martínez Tato, co deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez.


O alcalde, Enrique Cabaleiro, solicitou a mellora do firme e pintado destes vieiros, así coma o remate da humanización. O rexedor fixo un balanzo positivo deste encontro xa que o deputado foi moi receptivo e asumiu o compromiso para levar a cabo estes traballos de forma gradual.


Nas dúas estradas que saen desde a parroquia de Caldelas cara a Salceda de Caselas -e que se unen á altura do antigo Cuartel da Garda Civil facendo un percorrido circular- as actuacións previstas consistirían en renovar a pintura na vía, dotalas dalgún tipo de infraestrutura peonil adecuada á contorna rural e instalar elementos de calmado de tráfico coma pasos de peóns sobreelevados. Estas actuacións, ademais de sumarse ás intervencións proxectadas polo Concello e contribuír á accesibilidade e humanización da contorna, tamén se fundamentan na gran densidade de tráfico rodado de ambas as estradas ao ser a vía de conexión con Salceda e no seu uso peonil por parte da veciñanza.


Mentres nas estradas provinciais nas parroquias de Rebordáns e de Ribadelouro solicitouse da Deputación que as dotesde sendas peonís adecuadas a estas contornas rurais, toda vez que os elementos de calmado de tráfico xa os teñen solicitados ao abeiro do Plan MOVESE.