Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Concedidas 85 axudas a autónomos e pequenas empresas ao abeiro do programa Reactiva II que suman máis de 90 mil euros

21/12/2021

Este programa para facer fronte aos efectos da covid suma nas dúas convocatorias máis de 186 mil euros en axudas.

O Concello de Tui vén de conceder 85 axudas a autónomos e pequenas empresas ao abeiro do programa Reactiva II  para facer fronte aos efectos da COVID 19.

A comezos de mes  a Xunta de Goberno Local aprobou un paquete de 85 axudas correspondentes á segunda convocatoria de axudas para traballadores por conta propia e autónomos societarios cuxa actividade sufrira unha caída na facturación superior ao 30 % durante a pandemia. O importe total destas achegas ascende a 90.710,11 euros.

Esta é a segunda convocatoria do programa Reactiva á que se presentaron un total de 109 solicitudes. En 2020 na primeira convocatoria de Reactiva I presentáranse 254 solicitudes. Daquela concedéronse 114 axudas directas por un importe de 95.628,93 euros, na súa maior parte a comercio, hostalaría e servizos.

Deste xeito o concello de Tui ten destinado de 186.339,04 euros ao programa Reactiva, dos que 95.628,93 euros corresponden á primeira convocatoria e 90.710,11 euros á segunda. Dos máis de 186 mil euros concedidos nestas axudas 48.868,86 euros foron aportados pola Deputación de Pontevedra.