Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A compañía Contraproduccións chega ao Teatro Municipal de Tui con Cigarreiras

21/11/2022

A obra recibiu os premios Premio María Casares 2022 2022 á Escenografía, Dirección e Mellor espectáculo e o Premio do Público 2021 no Festival Internacional de outono de Carballo

Contraproduccións pecha este venres día 25 ,ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui, a extensa programación de outono que se celebrou durante o pasado mes de outubro e este mes de novembro.

Contraproduccións representará ‘Cigarreiras’, un drama baseado en “La Tribuna” de Emilia Pardo Bazán. Nesta proposta dramatúrxica, con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo, con outros máis frescos e lixeiros, incluso cómicos por momentos, característicos da narrativa de Pardo Bazán.

A obra, que se basea significativamente na citada novela, constitúe un produto literario-dramático derivado pero independente, nun texto que aborda unhas situacións e referencias históricas de interese cultural. Nelas, unha relación imposible entre unha proletaria e un burgués que transcorre nunha época confusa e convulsa levou á proclamación da I República.

Amais, trata temas vivos hoxe en día como a memoria colectiva, perspectiva de xénero, dialéctica de modelos sociais e políticos, etc.

Cándido Pazó dirixe o elenco formado por Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola.

A obra recibiu os Premios María Casares 2022 á Escenografía, Dirección e Mellor espectáculo e amais foi galardoada co Premio do Público 2021 no Festival Internacional de outono de Carballo.

As entradas están dispoñibles en www.tui.gal aos prezos de 8 e 6 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.