Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezou o curso de "Coidado de persoas maiores no fogar" do "Programa Actívate" da Deputación de Pontevedra en Tui

2/11/2011

Estiveron presente o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o deputado provincial, Pablo Baquero

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o deputado provincial, Pablo Baquero Álvarez, xunto a concelleiro de formación e emprego do Concello de Tui, José Ángel Villaverde Rocha, xunto aos técnicos da Concellería de Servizos Sociais do Concello tudense asistiron esta mañá ao acto de apertura do curso de “Coidado de persoas maiores no fogar” que será impartido na nosa cidade dentro do Programa “Actívate” da Deputación de Pontevedra, e no que participan 26 alumnos.

O alcalde de Tui déullela benvida aos asistentes ao curso e agradeceu a colaboración da Deputación Provincial para levar adiante estas accións formativas que pretenden potenciar a integración no mundo laboral dos alumnos, un obxectivo de caracter prioritario para o Concello tudense. Pola súa banda o deputado provincial, Pablo Baquero Álvarez, resaltou como os cursos do programa “Activate”, que promove a Deputación de Pontevedra están especialmente dirixidos a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos e promoven entre os seus participantes acadar un maior enriquecemento cultural e persoal, fomentar a cultura entre os mozos e mozas e facilitar a autonomía e o acceso ao mercado laboral de quen desexe orientar o seu futuro en relación coas actividades ofertadas, ademais de favorecer o traballo en equipo, fomentar as relacións e servir de punto de encontro entre eles.

O curso terá unha duración de 30 horas, e impartirase nas dependencias do antigo convento de San Domingos.

Esta nova acción formativa que leva adiante a Concellería de Servizos Sociais completa a oferta que ven realizando nesta materia e que foi desenvolvida anteriormente, como foi o curso de corte e confección  ao abeiro tamén do programa Actívate, o de "Acceso ás novas tecnoloxías na busca activa de emprego", realizado xuño / xullo na Aula CeMit, dirixido especialmente a mozos en risco de exclusión social e un curso de "iniciación ao castelán" que se realizou en outubro nas aulas da UNED no antigo convento de San Domingos, dirixido a mulleres estranxeiras, e que contou coa subvención da Secretaría Xeral de Emigración e do Ministerio de Trabajo e Inmigración.

Con esta oferta de formación a Concellería, que dirixe Raquel Lorenzo Pimentel, impulsa a formación das mulleres e dos mozos e mozas do noso municipio tentando deste xeito favorecer a súa integración no mundo laboral e profesional.