Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezou o acondicionamento da área recreativa e do parque infantil en Baldráns

3/04/2023

Contará con novos elementos de xogo e coma novidade cunha zona de calistenia. Supón un investimento de case 53 mil euros con cargo ao Plan Concellos

Están xa en marcha as obras na área recreativa e parque infantil na Igrexa en Baldráns. O prazo de execución é de 60 días e o investimento ascende a 52.783,76 € financiados con cargo ao Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.

As obras de “Acondicionamento do parque infantil no lugar da Igrexa na parroquia de Baldráns, Tui” teñen por obxectivo remodelar a zona existente cunha área recreativa para toda a familia, pensada para a práctica de deporte ao aire libre recuperando a pista deportiva, trasladando os biosaudables a un novo emprazamento na mesma área e introducindo coma novidade unha zona de calistenia.

A primeira actuación foi a desmontaxe dos elementos existentes e traslado á nave municipal para a súa recuperación para poder ser empregados noutros parques infantís. Instalarase pavimento de seguridade de caucho continuo e novos xogos cun conxunto de tres torres, trepa, ponte, barra e tobogán, unha casiña de madeira inclusiva, un balancín, un columpio dobre tras a súa recuperación, e un grupo combinado de calistenia. Tamén serán colocados bancos e un cartel informativo.

Coa execución deste proxecto dáse resposta á reiterada demanda da veciñanza desta parroquia tudense de adecuación deste tipo de instalacións.