Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezan as obras de construción da ponte sobre o río Cotarel cun investimento de 192.500 €

21/05/2024

A zona vírase afectada polas inundacións de xaneiro de 2023, polo que dende entón o tráfico rodado está cortado. Dende hoxe, e mentres duren os traballos, non se permite o tránsito peonil

Esta mañá comezaron as obras de construción da ponte sobre o río Cotarel que une as parroquias de Randufe e Pazos de Reis. Estes tramo da estrada vírase afectada polas intensas choivas de xaneiro de 2023, obrigando a cortar o tráfico rodado.  Dende hoxe, debido ao comezo das obras, tamén se corta o tránsito peonil.

Esta ponte, sobre o río Cotarel, está situada en plena senda dos Muíños do Tripes, polo que as persoas que camiñen pola senda, neste punto e mentres permanezan as obras, terán que realizar un desvío por un percorrido alternativo duns 700m.

O proxecto que se vai executar foi redactado pola empresa tudense de Enxeñería Técnica de Obras Públicas M3G PROYECTOS S.L. No mesmo contémplase o desmontado da tubaxe metálica existente, e a execución dun novo paso elevado cun taboleiro de vigas prefabricadas sobre estribos en ambas marxes. Deste xeito recuperarase a circulación nesta estrada local e garantirase o caudal de desaugadoiro de avenida no regato Cotarel. A actuación proxectada permitirá tamén recuperar o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna. O prazo estimado é de tres meses.

O comezo da obra demorouse debido á complexidade da tramitación do expediente, incluíndo a redacción do proxecto, viabilidade, e licitación da obra. Os traballos foron adxudicados o pasado 16 de abril á empresa Covsa, por un importe de 192.508,12 €, dos que 42.865,13 € son aportados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das Subvencións para a reparación dos danos causados polas inundacións sucedidas nos concellos da provincia de Pontevedra.  O importe restante é financiado con fondos propios do Concello de Tui.