Comeza unha nova temporada do programa Cultiva a Mente co que Tui foi pioneiro en levar este programa preventivo a todas as parroquias
Por sexto ano consecutivo o Concello de Tui pon en marcha o programa “Cultiva a mente” que se leva a cabo en todas as parroquias tudenses ofertando en conxunto 165 prazas. Unha iniciativa coa que o concello tudense foi pioneiro en achegar ás parroquias a súa aposta polo coidado da saúde mental das persoas con este programa que traballa na prevención en colaboración con AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia.
Así “Cultiva a mente” vai dirixido a persoas maiores de 55 anos. Ao longo das sesións incídese en coñecer o funcionamento do cerebro, levar a cabo tarefas de estimulación, promover hábitos saudables e fai fincapé tamén no fomento de emocións positivas e na socialización. Dende o primeiro ano contou cunha gran acollida cubríndose todas as prazas e nalgúns casos creándose incluso unha lista de agarda.
O Concello de Tui apostou dende o primeiro momento pola realización do programa nas parroquias, co que se facilita a asistencia das persoas no seu entorno máis cercano sen ter que desprazarse ao centro, e propiciando amais a relación entre a propia veciñanza. As sesións teñen unha duración de hora e media realizándose unha día á semana.
O programa Cultiva a Mente impartirase os luns ás 16 h en Paramos e ás 18 h en Pexegueiro, os martes ás 9.30 h en Malvas e ás 11.30 h en Ribadelouro, os mércores ás 9.30 h en Pazos de Reis, ás 11.30 h en Areas, e ás 19 h en Randufe. Mentres os xoves ás 16 h terá lugar en Caldelas e ás 18 h en Baldráns, e os venres ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.
O concelleiro de Servizos Socias, Ismael Diz, explica que “estamos moi orgullosos deste programa que comezou en 5 parroquias con 60 persoas usuarias e que agora chega xa a todas as parroquias”. Avanza tamén Ismael Diz a posta en marcha dun novo programa “Cultiva a corpo” co que deste xeito prestarase unha atención integral de corpo e mente.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca a aposta que realiza o goberno municipal en materia de servizos sociais, neste caso concreto cun programa que favorece o envellecemento activo o que redunda nunha mellor calidade de vida. Lembra que en Tui se conta tamén cun centro de recursos en Randufe, dirixido xa a persoas que teñen un diagnóstico de deterioro cognitivo.
O programa Cultiva a Mente da cumprimento aos ODS 3 de Saúde e Benestar, 4 Educación de calidade, 5 Igualdade de Xénero e 10 Redución das desigualdades.
A pasada temporada ofertáronse 163 prazas e participaron un total de 175 persoas xa que ao longo do mesmo se produciron algunhas baixas por distintos motivos. Outras 48 persoas estiveron en lista de agarda.
As persoas que xa participaron a pasada temporada no programa ou figuran na lista de agarda non é preciso que se volvan inscribir. Si poden facelo aquelas persoas que desexen incorporarse esta nova temporada. Para iso é preciso cubrir a ficha de inscrición dispoñible en tui.gal e no departamento de Servizos Sociais, indicando o horario no que se desexa asistir.